25N: En loita contra o patriarcado

103

A Central Unitaria de Traballadores/as defínese a si mesma como unha organización antipatriarcal porque é consciente de que a única emancipación social posible pasa pola destrución do patriarcado.O patriarcado é un sistema de dominación do xénero feminino por parte do masculino que se expresa mediante xeitos máis ou menos explícitos de violencia que perseguen sempre un mesmo fin: a submisión da muller ao home. Este fenómeno podémolo constatar día tras día na educación, na publicidade, na rúa, en milleiros de produtos culturais e artísticos que reproducen unha imaxe de muller cousificada, reducida a un corpo que ten como finaliidade ser gustado polos homes, que lles impón a maternidade como un destino obrigatorio e unha división do traballo inxusta na que a muller, mediante o labor doméstico e os coidados, asegura, coa súa dobre xornada laboral, a reprodución social do sistema capitalista e do patriarcado.
Pero o patriarcado tamén emprega outros xeitos de violencia máis directos, a chamada violencia machista, un machismo asasino que mata cada ano centos de mulleres no interior deses países occidentais que se declaran avanzados. Unha violencia que se fai patente, así mesmo, nos milleiros de violacións que sofren as mulleres nestes países e que, na súa meirande parte, non son nunca denunciadas, e noutros episodios de violencia xa normalizados que forman parte do noso día a día. O machismo e o patriarcado, presentes en todas partes, e que deben ser combatidos tamén no interior das organizacións obreiras e revolucionarias.As mulleres da clase obreira somos dobremente explotadas, e por iso a nosa loita debe ter un carácter dual: contra o Capitalismo e contra o Patriarcado, e debe estar igualmente planificada e organizada nos dous sentidos. A non aprobación da Lei Antiaborto de Gallardón amosa , neste sentido, que a mobilización é a nosa mellor ferramenta para acadar ese fin.Neste 25 de novembro, as mulleres da clase obreira galega revoltámonos xuntas contra o Patriarcado, esixindo as políticas que fagan posible a súa erradicación, esixindo pan, traballo e teito e o final da explotación da muller por parte do home.