Ás 12 horas deste 25 de febreiro tomará a cidade Coruña unha mobilización en defensa das pensións convocada polas Marchas da Dignidade que chama á clase obreira galega a defeneder a bandeira do noso futuro colectivo. A CUT participará entre moitos outros colectivos deste chamado que baterá ao unísono polo Pan, o Teito e o Traballo. Unha rede de autobuses percorrerá Galiza coa ollada posta na mobilización. Xaora dende o coruñés Campo da Leña ou ben dende a Praza da Ópera as columnas marcharán para confluír na Praza de Ourense e continuar xuntas e xuntos cara o acto final nos Xardíns de Méndez Núñez.
As pensións son un dereito público que transcende o propio colectivo de pensionistas. Conscientes como somos da situación dramática que están a padecer tantos fogares que dependen dunha pensión para poder sobrevivir despois de toda unha vida de traballo. Ademais, nun contexto de crise e desemprego, a entrada dunha pensión no seo familiar é vital. En Galiza 100.000 familias (325.000 persoas) viven exclusivamente destas axudas, ben sexa a través da figura materna, paterna e mesmo das avoas ou avós. Noutras 125.000 familias (o que supón unhas 500.000 persoas) o ingreso da pensión na unidade familiar é determinante nas economías para subsistir.
Os poderes antidemocráticos da Troika están a esixir recortes nas pensións, sanidade, educación e nos servizos públicos en xeral. Piden recortes de máis de 8.000 millóns de euros mentres o Estado rescata autoestradas de mans amigas. Neste contexto a política institucional e actividade parlamentaria non é, nin de lonxe, suficiente para frealos. É necesaria a mobilización social para facerlles fronte. Se as institucións poden ser, por veces, un mero altofalante, é nas rúas onde se planifican e articulan o cambios de rumbo sociais. Só na rúa se pode pensar en alto e chegar lonxe
Os custodios da famosa “gran” coalición en España, PSOE-PP-CIUDADANOS, van facer causa común para impoñer esas políticas do saqueo, porque son un mero instrumento deses intereses. Se ademais temos en conta que temos un parlamento do estado amoreado de forzas conservadoras como PNV ou a antiga Converxencia é impensable ter fe en avances na vía institucional. Se as institucións sempre serviron á perpetuación do sistema, a nosa intención é tumbar este sistema e poñer o poder político ao servizo do pobo. É máis: o poder político debe estar en mans do pobo.
Saudamos a decisión de varios concellos de colaborar e potenciar oficialmente a manifestación do 25 de febreiro. Ademais queremos animar a todas as corporacións municipais de esquerda a se seguir sumando e a continuar apoiando todas as iniciativas en favor das persoas pobres e de toda a clase traballadora, pois sen a solidariedade entre todas e todos non vai ser posible un futuro de dignidade. Cómpre denunciar entre todas e todos as “políticas” cara á galería que pasan por subir as pensións en porcentaxes irrisorias ao tempo que se malgastan case dous millóns de euros en publicidade.
Non hai posibilidade de enfrontar a lóxica do capital sen a unidade obreira e popular. É precisa a suma das diferentes loitas de todos os sectores sociais e civís afectados polo voracidade dun capital desbocado. Defendemos que manter posicións de loita ao marxe da perspectiva socio-política é suicida, por moi lexítima que sexa enfocada desde un plano social, sindical, cultural ou político. Cómpre porse na pel e vestir os zapatos da xente que máis sofre e acompañala dunha forma clara e honesta arroupándoa neste proceso cara á recuperación dos nosos dereitos coma seres humanos e como proletariado.
Mediante a mobilización sostida no tempo e o reagrupamento de movementos sociais e sindicatos de clase, imos estar o 25 de febreiro na Coruña plantándolle cara aos gobernos de dereita e ao poder financeiro coa expresión nacional das Marchas. A Columna Galega que xamais abandonou as accións e as mobilizacións desde que encetou a súa andaina enchendo dous trens a Madrid o 22 de marzo de 2014 para facer piña na capital española con máis dun millón de persoas pertencentes ás clases populares de todo o Estado.
Por este motivo, e pola situación actual de miseria que vivimos, habemos tomar A Coruña o día 25 de febreiro co tema central da defensa das pensións, e coas reivindicacións habituais resumidas no pan, traballo e teito. É necesario que as Marchas da Dignidade, o movemento de loita unitaria, tomen a cada pouco máis forza e sexamos quen de xuntar o maior número de loitas posible. Hoxe son as pensións e mañá directamente as nosas propias vidas. Todas e todos a unha porque a unidade popular e obreira é o único camiño.