Diante da celebración do Día da Patria Galega, e despois dunha gran xeira de mobilizacións, tanto no plano estritamente sindical como facendo parte das Marchas da Dignidade, a CUT quere manifestar que vai continuar o seu camiño de firme compromiso coa clase traballadora galega.
Falar dunha gran mobilización o 25 de xullo dende o punto de vista dun sindicato galego non é nin pode ser como quen acode a unha romaría. Despois da batalla solidaria, constante e internacionalista na rúa, levada a cabo no país e noutros puntos do estado, o día que conmemora a existencia da nosa nación sen estado supón erixirse, máis unha vez, en clave de soberania nacional. Para a CUT, a liberación social é inherente á liberación nacional. Non vai haber dereito a decidir se non derrubamos a orde sistémica reconfigurada tralo Franquismo dende o réxime de 1978. Diante dun escenario coma este a unidade popular sen fisuras, e sen referencialismos infantís, é o único camiño posible.Vimos analizando, por outra banda, a conxuntura histórica global na que un neoliberalismo desbocado está a pór o acento coma nunca nos recortes de dereitos socio-laborais abocando ós pobos europeos, sobre todo da periferia, a unhas galopantes cotas de pobreza. E dende logo España, como icona da periferia económica continental, está a despuntar equiparándose, cando non superando en termos porcentuais, ós países do leste abandonados á súa sorte trala desaparición do socialismo real.Dende a CUT volvemos insistir en que non existe un rostro amable do capitalismo, non hai cabida para a socialdemocracia cando quedou historicamente demostrado que supón unha porta aberta, unha e outra vez, para o sometemento á Troika e a todo o poder financeiro. É inviable e o proceso acontecido en Grecia así o testemuña. E todo aquel que ouse alterar a folla de ruta do capitalismo será duramente asediado ademais de humillado nos medios. Sinxelamente non é posible unha alternativa ó réxime actual dentro da UE, nin do euro.A CUT sitúase nesa sintonía de unidade obreira e popular e está máis que por apostar por meros deseños de cambiar as formas para seguir nas mesmas cunha única finalidade electoral. Este sindicato decántase por unha profunda reflexión destinada a construír ese dique de contención diante do neoliberalismo. Unha unidade creada pola base, cimentada co sindicalismo de clase e cos auténticos movementos sociais prontos para crear unha fronte sólida e crible que non defraude o pobo galego nin nas súas aspiracións sociais nin de autodeterminación.
Viva o día da Patria Galega.Un saúdo nacional-popular.