25 de xullo todos os días do ano

385

Chega un novo 25 de xullo e nas rúas de Compostela haberá bandeiras que nos representan, escoitaremos na “lingua proletaria do meu pobo” proclamas de horizontes non acadados e remataremos a manifestación entre viños e rúas empedradas. Nas viaxes de volta dende Compostela levaremos as baterías cargadas de alegría e autoestima, durmiremos e ao día seguinte… ao día seguinte estaremos de novo en Españaunha, grande e libre- e na negación da nosa existencia.

“O noso chamamento é para manter o día 25 todos os días do ano. Ese debe ser o noso horizonte, a nosa obriga histórica nun contexto de neofascismo e progresiva colonización“.

Dende a CUT facemos un chamamento a ocupar as rúas o día 25, claro que si, mais o noso chamamento é para manter o día 25 todos os días do ano. Ese debe ser o noso horizonte, a nosa obriga histórica nun contexto de neofascismo e progresiva colonización económica, cultural, medio ambiental, ideolóxica e social que asola a nosa Galiza.

Outros e outras quedarán contentos con ter unha manifestación multitudinaria e cantar o himno nalgunha praza de Compostela, igual que fican satisfeitas por controlar canta mobilización social de base poida darse en Galiza, porque o que conta para algúns é encabezar faixas ou saír nos medios, sen importar se os obxectivos dos que partiron as mobilizacións son acadados ou non.

Na CUT pensamos que vivimos unha situación de emerxencia con batallas que poden determinar que Galiza siga existindo ou non. Dúas desas batallas son ALTRI e a LINGUA. Quen pense que nestas batallas o importante son as siglas e quen controla as decisións está a xogar a favor do inimigo. Non é a primeira vez que pasa na historia recente e os resultados xa sabemos todos e todas cales foron.

”Chamamos á unidade popular de base para reivindicar que existimos e somos, para dicir que as maiorías as constitúen os pobos e non as siglas, para dicir que o sistema artellado nos anos da transición non nos serve”.

Chamamos pois a facer de todos os nosos días un 25 de xullo, chamamos á unidade popular de base para reivindicar que existimos e somos, para dicir que as maiorías as constitúen os pobos e non as siglas, para dicir que o sistema artellado nos anos da transición non nos serve porque está trucado, e apostar todo ás batallas electorais é perder de antemán.

O pobo é quen máis ordena, e dentro de nós debe estar o que queremos ser. Sexamos Galiza.

VIVA O 25 DE XULLO, VIVA GALIZA CEIBE E PROLETARIA!!