25 de xullo: nada que celebrar, todo por facer

189

o sistema capitalista, inventou o café para todos, as autonomías e elaborou un corsé ao que denominaron constitución que obedece a unha máxima: dentro dela todo, fóra dela nada

Achégase un novo día da patria galega, a mesma que está na memoria colectiva da nosa nación, nuns casos para tentar facela desaparecer e noutros para seguir pensando na posbilidade de construíla. A Xunta, é dicir, o virreinato español en Galiza, transforma o día 25 nunha xornada turística de fervor relixioso para pedirlle esmola ao apóstolo e, sobre todo, para eliminar a nosa conciencia de pobo traballador con identidade de seu.

O réxime do 78, artellado para manter “europeizando” o sistema capitalista, inventou o café para todos, as autonomías e elaborou un corsé ao que denominaron constitución que obedece a unha máxima: dentro dela todo, fóra dela nada. Esta constitución foi feita para salvagardar as estruturas franquistas e garantir a explotación da clase traballadora, calquera contestación ten claro o seu destino: a represión.

A día de hoxe Galiza está máis explotada que nunca, tanto dende a perspectiva de clase coma dende a perspectiva nacional. A nosa entrada forzada na Unión Europea trouxo o demantelamento dos nosos sectores produtivos (agro, gandería, pesca, naval…) a cambio de nós converter ao sector servizo. Dende entón só podemos falar da subdivisión da clase traballadora en subclases cada ano máis explotadas e precarizadas, as rendas do traballo, progresivamente, van cara as mans do capital mentres nós non podemos vivir dignamente na nosa terra. Si coma clase traballadora estamos a caer na miseria do capitalismo e do patriarcado, coma pobo estamos a sufrir o mesmo proceso: quítannos a lingua, que é a lingua do pobo (“lingua proletaria do meu pobo” que dicía Celso Emilio), porque saben que con ela ven a nosa identificación de clase e de nación, o fío común coa  patria asoballada.

as rendas do traballo, progresivamente, van cara as mans do capital mentres nós non podemos vivir dignamente na nosa terra

Este 25 de xullo non temos nada que celebrar, será o día para tomar conciencia do que temos por facer, que non é outra cousa que recuperar a nosa dignidade de pobo traballador. É hora de rachar as cadeas, de entender que para nós non hai sitio no réxime do 78 porque vai contra Galiza e contra o pobo traballador. É hora de escribir a nosa historia e, lembrando a Rosalía, tomar a xustiza pola man, a da clase traballadora.

VIVA GALIZA CEIBE E PROLETARIA!!!