O 25 de xullo non é para nós santo patrón algún, non é unha misa presidida por un xefe de estado non electo e imposto polo ditador morto do estado que nos coloniza; para a clase traballadora galega, o 25 de xullo é un día de reivindicación da nosa historia, cultura e identidade, un día no que as rúas berran laicismo fronte ao santo, Galiza fronte a España e independencia fronte ao imperialismo.
Di o noso himno que os tempos son chegados, e así é. Chegou o momento de tomar partido definitivamente, esquivando a equidistancia elixindo en que bando estamos.
Non hai terceira vía posible porque España, independentemente do sistema político que a rexa ou de quen a goberne, nunca vai permitir que as nacións sen estado teñamos a posibilidade de autodeterminarnos.
Nestes tempos en que as nosas rúas son invadidas polo trapo vermello e amarelo mentres lle fan un lavado para que esquezamos que representa unha monarquía absolutista cómplice da ditadura, mentres vemos como supostos militantes do noso celebran o triunfo da selección dun país que nos nega como pobo, só podemos combater o que nos chega con determinación, coa nosa lingua na boca, non agochándonos ante a marea fascista que se disfraza dunha suposta inocencia deportiva.
Toca que os galegos e galegas exerzamos coma tales sen barricadas, a peito descuberto e con orgullo de clase, co compromiso que exixe a nosa liberdade e denunciando a quen di coa palabra ou nas redes unha cousa pero que na praxe contribúe a este sistema que nega os valores democráticos máis básicos e dereito de autogoberno ao noso pobo.
Dende a CUT facemos un chamamento público para que este 25 de xullo, día da patria galega, as rúas e as nosas voces sexan canle única dunha mesma mensaxe:
VIVA GALIZA CEIBE E PROLETARIA!!!
VIVA O 25 de XULLO!!!












