23 F en Compostela: Queremos Galego!

163

Este domingo 23 de febreiro, día de Rosalía, todas as afiliadas da CUT temos unha cita en Compostela na defensa da nosa lingua.

Nun contexto no que as políticas do ensino e do papel normalizador nos medios de comunicación públicos parecen máis encamiñadas a destruír o idioma que a protexelo, cremos máis preciso ca nunca tomar consciencia da situación para mudar de rumbo.

“O ‘bilingüismo harmónico’ e o ‘plurilinguismo no ensino’ promovidos dende o goberno da Xunta leváronnos a unha situación de esmorecemento do galego, cunha perda continua de falantes”

Asumimos as demandas da Plataforma Queremos Galego na defensa da nosa lingua, en estado de emerxencia segundo revelan os resultados da última enquisa do Instituto Galego de Estatística. O “bilingüismo harmónico” e o “plurilinguismo no ensino” promovidos dende o goberno da Xunta leváronnos a unha situación de esmorecemento do galego, cunha perda continua de falantes marcada pola súa desaparición entre as novas xeracións e en moitos ámbitos, chegando a introducir no proxecto da nova lei de medios de comunicación públicos a posibilidade de emisión noutros idiomas na CRTVG.

 

“Se quen nos representa non é quen de facelo teremos que ser nós, o pobo, quen defenda a nosa lingua.”

Se quen nos representa non é quen de facelo teremos que ser nós, o pobo, quen defenda a nosa lingua. En nós reside a soberanía e a capacidade para defendela co seu uso diario e esixindo nas rúas medidas urxentes, con recursos abondo para reverter o camiño da desaparición marcado polo PP.

Este domingo vémonos en Compostela para berrar que Queremos galego! Lingua vital xa!