Solidariedade coa loita da FUS do Uruguai

126

O Secretariado Nacional da Central Unitaria de Traballadoras (CUT) acordou transmitir á Federación Uruguaya de la Salud o noso apoio fraternal con motivo da convocatoria de paro prevista para o próximo 8 de xullo.

Compartimos coa FUS o criterio sindical en defensa radical dos e das traballadoras da saúde en todos os seus dereitos. Sen dúbida o colectivo da clase traballadora que máis arriscou na presente crise sanitaria da COVID-19.

Deste modo, a CUT entende que a lexítima defensa dos dereitos laborais está indisolublemente ligada á defensa dun único Sistema Público Sanitario, loita na que debe participar toda a clase traballadora.

A actual crise sanitaria que golpea a media humanidade, ademais de solapar a recesión capitalista que xa o era, puxo de manifesto a incapacidade do sistema para enfrontar a pandemia e evidenciou a perversidade das políticas neoliberais dos últimos lustros, que deliberadamente desmantelaron mediante as privatizacións e os recortes os nosos sistemas públicos de saúde.

Como sindicatos de clase tampouco podemos permitir que a COVID-19 se consolide como pretexto para que as elites do capital impoñan o novo receitario de cara á nova arquitectura de explotación capitalista no Uruguai, en Galiza e no mundo.

Compañeiros e compañeiras da FUS, recibide a nosa máis firme solidariedade e desexamos que a xornada do día 8 sexa un paso adiante na capacidade de loita dos e das traballadoras da saúde e do conxunto da clase obreira uruguaia.