Conflito en Urbaser na provincia de Pontevedra

170

A Sección Sindical da CUT en Urbaser denuncia que a empresa non ten interese en solucionar o conflito laboral. Todos os esforzos feitos polo sindicato para buscar unha saída negociada foron nulos, e os traballadores e traballadoras aclaran responsabilidades ante as respostas que virán. 

Nós últimos tres anos a política empresarial de Urbaser vén sendo a de precarizar os postos de traballo e reprimir calquera contestación sindical. En primeiro lugar inventaron o grupo de traballadores/as que denominaron “Varios” para non adscribilos a ningún dos concellos da provincia onde teñen a concesión de limpeza ou recollida de lixo, e así paliar situacións de falta de persoal. As condicións destes traballadores son inferiores no económico, no laboral, na protección da saúde e nos medios con respecto ao persoal adscrito nos concellos; e para agravar máis a súa situación néganlles calquera representanción sindical. Ante esta situación, os traballadores decidiron crear unha Sección Sindical da CUT e comezar a pelexar polos seus dereitos. Despois de tirapuxas coa empresa, esta recoñeceu a lexitimidade da CUT para representalos e chegar a acordos. E así foi: conseguíronse pírricas melloras que a empresa decidiu non cumprir, optando polo despedimento do compañeiro Gervasio e as sancións a varios traballadores sindicados.

A CUT puxo as denuncias pertinentes nos xulgados do social ao tempo que informou da situación na que desenvolven o seu traballo as persoas empregadas en Urbaser nos diferentes concellos da provincia acudindo aos plenos dos mesmos, que aprobaron por unanimidade as mocións presentadas pola CUT, pois este sindicato entende que teñen responsabilidade en como a empresa xestiona un servizo público obrigado nos municipios.

Nas mocións requiríaselle á empresa que sentase a negociar coa parte social para solventar os conflitos abertos. Urbaser fixo caso omiso do chamado dos concellos, negando a súa autoridade, negando a interlocución e negando o conflito en si. É dicir, asumíndose como poder absoluto e “xefatura” dos concellos: eles son a única autoridade.

Por mediación da alcaldesa de Redondela, esforzo que agradecemos, conseguiuse unha xuntanza co delegado de Urbaser na provincia para tratar o conflito, que foi celebrada o pasado xoves 18 de xuño no mesmo Concello. Ao rematar a reunión o delegado de Urbaser comprometeuse a chamar ao responsábel das relación xurídicas da empresa para que falase coa letrada da CUT e tentar buscar unha solución. Agardamos unha resposta que non chegaba. A nosa intención de arranxar o conflito levounos a que fose a nosa avogada a que contactara co responsábel dos servizos xurídicos de Urbaser, que confirmou non ter recibido chamada algunha por parte do delegado de Urbaser. Propuxemos unha saída que satisfixese as dúas partes e os seus servizos xurídicos, despois de consultar co delegado de Urbaser, contestaron que non.

Este proceso demostra varias cousas:

– Que o delegado de Urbaser mentiu na xuntanza coa empresa e a parte social.

– Que o delegado de Urbaser non tivo nunca a intención de solucionar esta situación.

– Que a CUT, en todo momento, tentou unha solución negociada ao conflito buscando a paz social.

Desde agora a única responsábel de que as cousas vaian a peor e de que a acción sindical tome outros camiños é a empresa Urbaser, e nomeadamente o seu delegado en Pontevedra, que demostrou darlle máis importancia ao seu ego e prepotencia que ao benestar da veciñanza e dos traballadores e traballadoras. Que asuma as consecuencias.