Accións de boicot á Xunta se reabre as Escolas Infantís

663

A Central Unitaria de Traballadoras ve “intolerábel” que a tres días de iniciarse a fase 2 en Galiza, cando as normas dictadas polo Goberno central xa permiten a repertura parcial das escolas infantís, a Consellería de Política Social e o Consorcio non se teñan pronunciado nin informado ás traballadoras destes centros.

“Xogan coa saúde física, mental e emocional de todas e estamos fartas”, denuncian dende a Secretaría das Mulleres, e anuncian o inicio de accións de boicot contra a Xunta en caso de que decidan a repertura destes centros.

“É inviábel manter a distancia entre as cativas de 0 a 3 anos, acaso pretenden que non as consoles? Que non as apertes? Que non deixes que aperte a outra cativa? Imos deixalas castigadas sen contacto oito horas ao día?”

“É inviábel manter a distancia entre as cativas de 0 a 3 anos, acaso pretenden que non as consoles? Que non as apertes? Que non deixes que aperte a outra cativa? Imos deixalas castigadas sen contacto oito horas ao día?”, denuncian dende o sindicato, que chama a colocar, dunha vez por todas, os coidados e os dereitos da infancia no centro das decisións políticas.

A Secretaría das Mulleres apela ás nais e pais de crianzas de 0 a 3 anos que non están tendo ferramentas de conciliación. “As escolas infantís non son a solución á conciliación senón unha medida axuda para conciliar en condicións normais”, argumentan, “polo que é imprescindíbel que os gobernos galego e central amplíen o dereito á conciliación e as ferramentas para levalo a cabo sen ser a conta da saúde das crianzas”.

Reapertura parcial escolas infantís

O Goberno central anunciou que, a partir da fase 2, as Comunidades Autónomas poderán reabrir parcialmente as escolas infantís para aquelas familias nas que as dúas titoras ou titores das crianzas de 0 a 3 anos non teñan con quen deixar ás cativas. A última palabra tena, en todo caso, o goberno autonómico, neste caso a Xunta. Boa parte das Comunidades xa anunciaron que non reabrirán as escolas infantís de primeiro ciclo (0 a 3 anos) ata o vindeiro curso. A Xunta continúa sen pronunciarse nin dar información algunha ás traballadoras.