A CUT pide a retirada en Compostela e Moaña das pistolas táser polo seu risco para a veciñanza

224

A Sección Sindical da CUT no Concello de Compostela e a Unión Comarcal do Morrazo afirman que o uso deste armamento foi calificado como unha forma de tortura pola ONU.

Non existe ningunha razón para a súa introdución agora e denuncia que estes Concellos están incorporando diversas medidas represivas coa escusa da pandemia da COVID-19.

A Sección Sindical da CUT no Concello de Santiago de Compostela (con representación no Comité de Empresa do persoal laboral) e a Unión Comarcal da CUT no Morrazo esixen a inmediata retirada das pistolas de electrochoque ou táser introducidas para o seu uso pola Policía Local nos Concellos de Compostela e Moaña. No caso de Compostela a alcaldía anunciou a compra coa oportunidade da COVID-19 por moito que a CUT advirte que a súa adquisición xa estaba decidida con anterioridade. Lamenta que ambos os Concellos queiran destacar como institucións punteiras do chamado “populismo represivo”, escusándose Compostela nunha pandemia sanitaria para por en andamento diversas medidas dirixidas a un maior control e intervención sobre os dereitos da veciñanza.

A posta a disposición deste armamento para o seu uso por parte de funcionariado municipal é inaceptábel para a central, que advirte que numerosas organizacións internacionais e galegas para a defensa dos dereitos civís e políticos xa se teñen pronunciado reiteredamente contra a súa incorporación como arma nos dispositivos policiais pola súa alta letalidade. O Comité contra a tortura da ONU denunciou hai 10 anos que pola intensa dor que causan pode ser consideradas unha forma de tortura, e a organización Amnistía Internacional cuantifica en 700 as mortes causadas de maneira directa ou ben indirecta (pola aceleración doutras patoloxías previas) en países que dende primeiros de século teñen normalizado o seu uso, como EEUU, Canadá ou Francia.

Ademais das dramáticas cifras de mortandade, o uso desa arma afecta de maneira grave á saúde das persoas con patoloxías previas, menores ou mulleres embarazadas, sen que nun operativo policial e nunha intervención coa lóxica  tensión se poida distinguir se os axentes están ou non en presenza dunha persoa de risco.

No caso de Compostela ademais dita compra contradí o acordo Plenario do Concello de Santiago de Compostela que criticou con contundencia o uso de armas de electrochoque, pelotas de gomas, gases tóxicos ou defensas extensíbeis por parte da Policía Nacional, tendo dirixido naquel momento unha comunicación ao Ministerio do Interior esixíndolle que excluíse o seu uso para intervir sobre as manifestacións que se celebran nese Concello.

Para o sindicato non resulta tolerábel impoñerlle aos Corpos de Policía Local o uso de novas armas que ameazan de maneira clara a integridade física dos veciños e veciñas, e considera que non existe ningunha nova necesidade social que xustifique a súa introdución no repertorio de armamento.

Insiste en que as corporacións municipais están a tratar a conflitividade social e a pobreza no concello como un problema policial, introducindo gastos espúreos, cando a auténtica necesidade é un plan para o combate da pobreza e a exclusión, xa que estes sectores serán sen dúbida os máis castigados polas novas medidas. Por esta razón a CUT esixe a inmediata retirada do armamento de electrochoque.

Ademais o sindicato quere advertir aos demais Concellos galegos que o adquisición de tal armamento non é solución a ningún problema, máis ben ao contrario, introduce novos riscos e conflitos para unha poboación xa cansa de soportar as derivas represivas nos seus municipios.