Copo Ibérica vulnerou o dereito á folga este 8M ao non abonar o plus de absentismo

265

O Xulgado do Social número 3 de Vigo vén de estimar parcialmente a demanda presentada pola CUT contra Copo Ibérica por vulneración de dereitos fundamentais durante a pasada xornada de folga do 8 de Marzo.

En concreto, na demanda contra esta multinacional con sede matriz en Mos (Pontevedra), que se dedica á fabricación de espumas e recheos, asentos e interiores para vehículos, solicitabamos que se declarase nula a decisión empresarial da exclusión das traballadoras folguistas da Gratificación Extraordinaria de Non Absentismo de Xullo, así como que se condenase á demandada ao abono das contías detraídas por ese concepto.

A maxistrada estima no fallo da sentenza estas pretensións e condena a Copo Ibérica por vulneración do dereito á folga, condenando á empresa tamén ao pagamento das cantidades que se deixaron de abonar. Determina tamén unha indemnización para a CUT, como sindicato convocante da folga, de 1500 euros.

A CUT parabeniza ás traballadoras folguistas por defender ata o final o seu dereito á folga. O resultado da súa acción fortalécenos a todas.