Coronavirus e autónomas

77

SON AUTÓNOMA, COMO LLE FAGO FRONTE Á CRISE QUE SE NOS VÉN?
CUT Galiza. 24/03/2020

As autónomas sen traballadoras ao cargo podedes contar connosco. Son anos en que a batalla sindical que a CUT dá foi puntualmente acompañada por autónomas que non buscaban en nós unha xestoría, senón que se foron sumando pola nosa proposta esencial: construír unha sociedade sen clases sociais, na que a riqueza estea distribuída equitativamente.

Debemos manifestar que a xestión da crise laboral que agocha o coronavirus, precociñada pola patronal e CCOO e UGT, e presentada no prato polo Goberno do Estado, non ten grandes medidas previstas para vós.

  • VAI APOIARME O ESTADO NESTE MOMENTO TAN DIFÍCIL?

Non moito. Se a túa actividade foi suspendida polo Estado de Alarma, ou se comparado co semestre anterior a túa facturación caeu un 75 % terás acceso á prestación por cesamento de actividade. Na maior parte dos casos, onde podes manter a facturación por outros medios, se a caída non é do 75% non terás apoio. Independentemente de cal sexa a contía que factures. O rexime especial do mar está incorporado a esta liña de axudas.

Curiosamente, as autónomas con traballadoras ao cargo deberán presentar un ERTE para beneficiarse desta axuda. Vaia! Non?

  • QUE PECULIARIDADES TEN?

Se estabas dada/o de baixa o 14-03-2020 por razón da crise non poderás recibir esta axuda. Iso si, elimínase o requisito de ter cotizados 12 meses para acceder a esta prestación. Se tes débedas coa Seguridades Social regalaranche (que xenerosidade!) 30 días naturais para poñerte ao día antes de percibir a axuda por cese. A prestación durará un mes e, se se prolonga o Estado de Alarma, ata o último día que este dure. Xa podes solicitala agora.

  • CANTO PAGAN?

Será do 70% da base reguladora. Faranche a media das bases dos doce meses anteriores. Se non cumpres ese período será o 70% da base mínima (661,04 euros).

  • DEBO SEGUIR COTIZANDO? DARME DE BAIXA?

Mentres dure a prestación teráseche por cotizado a cargo do Estado. Poráseche a cero a prestación de cese de actividade. Non perderás a tarifa plana polo feito de acollerte a esta prestación.

Iso si, se non pides a prestación por cese non te dispensarán da cotización, a pesares de que é unha das esixencias das autónomas e autónomos.

  • COMO SOLICITO?

Telematicamente, na Mutua colaboradora.

Se tes a actividade suspendida, entrega:

  • Modelo 145
  • Fotocopia DNI
  • 3 últimos recibos de cotización.
  • Libro de familia se tes fillos/as a cargo.
  • Número de conta para ingreso.

Se é por descenso da facturación:

  • Documentación acreditativa da caída de ingresos que che solicite a Mutua. Para módulos, estamos á agarda do tipo de adaptación.
  • QUE PASA SE ESTOU EN PLURIACTIVIDADE?

A pluriactivade é a alta simultánea como traballador/a por conta allea e por conta propia. O acollemento ao paro do ERTE e ao cese de actividade é incompatíbel, pídelle á túa asesoría que estude cal é a alternativa máis beneficiosa para ti, xa que moi probabelmente te vexas ante a obriga de escoller dependendo da túa situación.

Seguimos informando: infórmate, organízate, deféndete!

Que non acaben con nós!