Crise do Covid-19 e capitalismo: poñer a vida e a saúde no centro e a soberanía dos pobos e as persoas

122

Desde a Coordinadora dos pobos da Federación Sindical Mundial, que integra sindicatos de clase do País Vasco, Països Cataláns-Catalunya, Canarias e Galiza, queremos compartir esta reflexión ante a crise xerada polo Covid-19.

Estamos a vivir días convulsos e intensos. En poucas semanas pasamos de facer vida con absoluta normalidade a non poder saír da casa se non é para traballar ou mercar o “absolutamente necesario”. Ademais, cada día hai medidas gobernamentais diferentes para combater o Covid-19.

Os sindicatos UGT e CCOO non perderon o tempo para asinar un novo acordo co goberno que facilitará a flexibilización laboral e os expedientes de regulación ou ERTE, sumándose ao relato “oficial” do suposto goberno “progresista” do PSOE e Podemos.

O goberno do Estado español adoptou algunhas medidas que afectan ao laboral; a maioría delas en beneficio da patronal. Aínda que algunhas das medidas tomadas sobre os dereitos das traballadoras van na dirección correcta (prestación por desemprego para quen non acada o mínimo, ou o feito de que non se vaia contabilizar o tempo que a traballadora estea no paro do seu tempo total de desemprego), moitas das medidas adoptadas están feitas á medida da patronal. O goberno puxo en mans da patronal unha enorme cantidade de cartos para que teñan liquidez, e as medidas adoptadas non obrigan ás empresas senón que o presidente Sánchez preferiu rogarlles ás empresas que non despidan a ningúnha traballadora. En xeral, as medidas adoptadas parécennos moi insuficientes.

É necesario que os sindicatos de clase, xunto cos movementos sociais, analicemos todo ben que poidamos a globalidade desta crise que, polo que estamos vendo, vai moito máis alá dunha crise estritamente sanitaria.

Non podemos aceptar como normal e necesario que as empresas aproveiten esta situación para afrontar unha reestruturación económica que o interese capitalista necesitaba debido á chegada dunha recesión económica e, por suposto, non podemos aceptar como normal a aplicación encuberta do artigo 155, que deixa sen efecto a pouca soberanía que os pobos tiñamos dentro do Estado español. Neste sentido, é preciso denunciar o ataque frontal do goberno do PSOE-Podemos ao autogoberno das nacións sen Estado e o afondamento da recentralización do Estado, ata chegar ao punto de ver militares do exército español patrullando as nosas rúas. É hora de comezar a reflexionar e propoñer alternativas sociais, económicas e políticas que dean un xiro de 180º á solución que se propón como saída desta crise. As clases populares, a clase traballadora e os pobos temos que comezar a poñer sobre a mesa que a saída desta crise pasa por poñer a vida no centro e pola construción dun modelo económico e social alternativo a este capitalismo que nos leva á autodestrucción.

Por todo isto, desde a Coordinadora dos pobos da Federación Sindical Mundial propoñemos o seguinte:

  • Poñer a sanidade privada ao servizo dos poderes públicos. Aínda que sexa temporalmente, é a solución para o servizo público, que está a desbordar actualmente.
  • Que reforcen todo o necesario o cadro de persoal das residencias de maiores, entre outros aspectos, con novas contratacións. Se as familias non poden acudir, as persoas maiores precisan dun seguimento máis cercano. As traballadoras teñen, por tanto, que traballar máis e xa están desbordadas.
  • Que se priorice a defensa da saúde, antepoñéndoa á viabilidade e ao custo económico das medidas.
  • Garantizar que todas as traballadoras que, por facer caso ao protocolo, queden sen ir traballar, estean totalmente protexidas.
  • Nos centros de traballo solicitaremos a actualización das Avaliacións de Prevención de Riscos Laborais.
  • Información e formación inmediata para todas as traballadoras.
  • A empresa deberá establecer un protocolo para que as traballadoras saiban que medidas deben tomarse nun caso sospeitoso e nun caso real.
  • Se non podemos saír á rúa, salvo o estrictamente necesario, tampouco deberíamos ir ao traballo. Non é admisible que as traballadoras nos expoñamos nos centros de traballo e no transporte público que temos que coller para chegar a eles. O goberno debe garantir que as traballadoras poidamos quedar na casa ningunha consecuencia negativa no salario, cotización e desemprego.
  • Non imos aceptar que se utilice a situación de crise para facer despedimentos. Debe haber unha garantía de mantemento de todos os postos de traballo.
  • Garantir a supervivencia do pequeno comercio, que se verá abocado ao peche no caso de que persista en confinamento e non poida obter ingresos para pagar a cota de autónomas, o local, xénero, salario das traballadoras no caso de que as tivese…

Máis alá destas medidas de urxencia, debemos aprender unha lección estratéxica desta emerxencia: os servizos públicos non se poden recortar e privatizar como ata agora; os servizos públicos teñen que desenvolverse porque son estratéxicos no futuro dun país.

Por todo isto, desde a Coordinadora dos pobos da Federación Sindical Mundial:

  • Denunciamos as políticas impostas polo capital á clase traballadora.
  • Esiximos políticas económicas e sociais que sitúen a vida e as condicións de traballo dignas na centralidade da axenda. A distribución da riqueza é unha condición indispensable para acabar coas desigualdades sociais.
  • Esiximos o dereito de autodeterminación para os pobos. A soberanía dos individuos e dos pobos é necesaria para afrontar a ofensiva neoliberal, poñendo sempre os firmes principios internacionalistas en primeiro plano.