PACK ANTIESTAFA EMPRESARIAL: que non aproveiten a crise do coronavirus para lucrarse

5881

Actualizado 22/03/2020. 15:00 horas.

1. Guía para a protección da túa saúde ante o COVID-19

A MIÑA EMPRESA DEBE PECHAR?

O Goberno do Estado publicou no artigo 10 do Decreto do Estado de alarma as empresas e establecementos que obrigatoriamente deben pechar. Así mesmo detallou no Anexo da norma unha listaxe de establecementos que deben permanecer pechados ao público. Posteriormente ordenouse o peche de perruquerías e a pasada semana da Hotelaría.

Se a túa empresa non está contemplada non ten a priori a obriga legal de pechar. Estamos a esixir que o Goberno adopte a medida de peche de todas as empresas e establecementos que non constitúan un servizo esencial. Italia vén de adoptar esa decisión.

SE A EMPRESA NON PECHA, EN QUE CONDICIÓNS DEBO TRABALLAR?

A empresa está obrigada a organizar o traballo de tal modo que se evite e reduza a frecuencia e o tipo de contacto de persoa a persoa e a adoptar medidas específicas para as traballadoras especialmente sensibles. Debe así mesmo proporcionar información sobre medidas hixiénicas. Recoméndase:

  • A hixiene de mans con produtos de base alcohólica e se estivesen suxas ou manchadas con fluídos con auga e xabón antiséptico.
  • Levar as unllas curtas e coidadas, evitando o uso de aneis, pulseiras, reloxos de boneca ou outros adornos.
  • Recoller o cabelo longo nunha coleta ou chicho baixo, podéndose axudar dun gorro de quirófano.
  • Evitar o uso de lentes de contacto. Se precisas lentes, estas deberán estar ben pegadas á fronte, ou se é necesario levarás lentes de protección individual.
  • Retirar a maquillaxe ou outros produtos cosméticos que poidan ser fonte de exposición prolongada en caso de resultar contaminados
  • Se tes síntomas respiratorios debes cubrirte a boca e o nariz ao tusir ou estornudar cun pano de papel e tiralo logo do uso. Se non dispós del, debes facelo sobre o brazo no ángulo interno do cóbado, co propósito de non contaminar as mans.
  • Se sofres un acceso de tose inesperado e te cobres accidentalmente coa man, evitar tocar os ollos, o nariz ou a boca.

A fonte máis fiable para a información sobre de recomendacións en medidas hixiénicas será o Ministerio de Sanidade, xa que poden ir mudando.

Consulta o Procedemento de actuación para os Servizos de Prevención de Riscos Laborais fronte á exposición ao novo coronavirus ( SARS- COV-2) do Ministerio de Sanidade. 

E SE EXISTE UN RISCO INMINENTE DE CONTAXIO NA EMPRESA?

O artigo 21 da Lei de Prevención de Riscos autoriza aos traballadores e traballadoras a paralizar a actividade produtiva ante un risco certo, grave e inminente para a saúde. Pero esta é unha decisión que non se pode tomar ao chou, posto que se o risco non se pode demostrar pode conlevar sancións.

En primeiro lugar é o Comité de Empresa e os teus delegados e delegadas de prevención as que deben tomar a decisión, pero tamén sabemos que na maior parte dos casos ou ben están ausentes ou non están ao que teñen que estar.

Por iso recomendamos que te asesores previamente a tomar ningunha decisión, e que antes de lanzarte lle remitas á empresa o modelo que che facilitamos.

[Descarga] Modelo-paralizacion-actividade

É importante que tomes fotografías e as adxuntes como proba, así como calquera outro documento ou testimonio que reforce ou corrobore a existencia de motivos fundados para solicitar a paralización da actividade.

SON UN SUPERHEROE/SUPERHEROÍNA, O CORONAVIRUS NON ME ACHANTA

A coraxe é útil, sobre todo para dar a cara polo noso futuro e defender os nosos dereitos laborais. Pero agora mesmo estamos á frente dun problema de saúde pública. Quen goza de mellor saúde debe pensar en quen non. Por iso debemos seguir estritamente os mandatos sanitarios e defender que se sigan escrupulosamente na nosa empresa.

QUE FAGO SE MOSTRO SÍNTOMAS DE COVID-19?

Os síntomas máis comúns inclúen febre, tose, e sensación de falta de aire. Nalgúns casos tamén pode haber síntomas dixestivos como diarrea e dor abdominal. A maioría dos casos presentan síntomas leves. En casos máis graves, a infección pode causar pneumonía, dificultade importante para respirar, fallo renal e mesmo a morte. Os casos máis graves xeralmente ocorren en persoas de idade avanzada ou que padecen algunha doenza crónica, como doenzas do corazón, do pulmón ou inmunodeficiencias.

Se mostras os síntomas en primeiro lugar non te alarmes, poden ser derivados doutras doenzas similares. Se presentas febre ou tose, debes quedar no seu domicilio e contactar cos servizos
de saúde telefonicamente chamando ao teléfono habilitado que é o 900 400 116. Se a sensación é de falta de aire, empeoramento ou sensación real de gravidade por calquera outro síntoma, chamar ao 112.

QUE FAGO SE UNHA COMPAÑEIRA OU UN FAMILIAR OS MOSTRA?

O protocolo que debes recomendarlle é o que vimos de expoñer. Se estás preocupado pola túa saúde debes determinar se tiveches un contacto estreito: ou ben que coidaras a esa persoa contaxiada ou con sospeita de contaxio ou ben que mantiveses unha relación próxima (menos de 2 m) e continuada. Se é así comeza a túa corentena de 14 días. Estas son as recomendacións do Estado.

Recomendacions Saude Coronavirus

COMO FUNCIONA A INCAPACIDADE LABORAL POR CONTAXIO OU CORENTENA.

En primeiro lugar, por moi insistente que se poña o patrón de quenda, baixo ningunha condición debemos acudir ao centro de traballo, nen sequera ás xuntanzas de persoal. Só faltaba! Lembra que tanto a corentena como o contaxio no caso das traballadoras e traballadores se considerará situación asimilada a accidente de traballo. Isto é, cobraremos o 75%.

Desafortunadamente, a pesares de que a cobertura por accidente a debera dar a Mutua neste caso será o Estado quen nos atenda e nos abone a incapacidade. A empresa non nos abonará o complemente ao que algúns Convenios obrigan ata o 100% da Base de Cotización. Ao final o Estado está para repartir as perdas, e as Mutuas e os Seguros Privados desapareceron.

 

2. Guía para organizar o coidado das miñas e dos meus

COMO PODO OCUPARME DAS E DOS QUE ME NECESITAN AGORA?

Curiosamente o único no que o Goberno parece non pensar é en nós. Pechan as escolas e centros de día, ben. Pero quen vai coidar dos nosos e das nosas?

Dende a CUT defendemos que o permiso de deber inescusábel de carácter persoal con carácter retribuído debe ser aplicado nas empresas. Pero somos conscientes de que moitas empreasas o están a denegar.

O artigo 6 do RDL 8/2020 (de medidas urxentes extraordinarias para facer fronte ao impacto económico e social do COVID-19) prevé para o coidado persoal do cónxuxe, parella de feito, fillas e fillos, avós, avoas ou netos e netos por razóns de idade, doenza ou discapacidade, a adaptación da xornada e a súa posible redución (iso si, NINGÚN é retribuído).

O Goberno anunciara na primeira semana a viabilidade do establecemento dunha prestación extraordinaria para cubrir esta situación e despois esa medida desapareceu do candeleiro. É dicir, que os coidados os paguemos nós.

Por iso, se a túa decisión é ausentarte totalmente, poñermos á túa disposición un modelo solicitando o permiso retribuído e, por se o denegaren, a redución de xornada do 100% non retribuída. Xa o pelexaremos despois.

Tamén dispoñemos dun modelo para solicitar a adaptación de xornada e unhe redución parcial da xornada.

[Descarga] Modelo de solicitude de ausencia total.

[Descarga] Modelo ausencia total e redución xornada 100 por 100

Descarga] Modelo de solicitude de adaptación de xornada

[Descarga] Modelo de solicitude de redución de xornada parcial

OUTRAS OPCIÓNS

Sabemos que o teletraballo é traballo, e que non é tempo de coidado. Pero as máis das veces polas nosas concretas condicións persoais e familiares e a falta de oportunidades de perder parte do salario, acaba por ser a única maneira de estar coas nosas e cos nosos. Se na túa empresa é posibel, solicita o teletraballo.

[Descarga] Modelo solicitude de teletraballo

3. Guía para facerlle fronte ao Expediente de Regulación Temporal de Emprego (ERTE)

O ERTE é unha medida colectiva para suspender temporalmente os nosos contratos nestas mesmas empresas, mandándonos ao paro o tempo que dure esta situación. Mentres dure a suspensión do contrato mantemos a cotización e a nosa antigüidade debe ser respetada. Cando finalice este período reincorporarémonos á empresa con todas as nosas condicións laborais previas.

Para levar a cabo un ERE ou un ERTE a empresa ten que ter unha causa real e xustificada, sen que a mera suspensión da actividade sirva como escusa. Lembrade que algunhas empresas seguen a percibir os mesmos ingresos durante este período ou veñen de obter grandes beneficios a nosa conta e só nos queren mandar para casa para aforrar o noso salario. O que popularmente se coñece como rapina.

ANTES QUE O ERTE, O TRABALLO A DISTANCIA

Lembra que o artigo 5 do RDL 8/2020 antes citado establece o carácter prioritario do traballo a distancia, obrigando ás empresas a establecer sistemas de organización que permitan manter a actividade por mecanismos alternativos (particularmente por medio do traballo a distancia) se isto é técnica e razoablemente posíbel e se o esforzo necesario para ofertar esta medida resulta proporcionado para a empresa.

A norma di que o teletraballo ou traballo a distancia, deberá ser prioritario fronte á cesación temporal ou redución temporal da actividade. Se cabe o teletraballo non caben os ERTEs por forza maior.

QUE TIPOS DE ERTES HAI?

Existen ante esta situación dous tipos de ERTEs, os que se tramitan por forza maior e os que se tramitan da maneira ordinaria.

OS ERTES DE FORZA MAIOR

O Estado acaba de adoptar medidas de aceleración de ERTEs, EREs e supensións de contratos. Habilitou un número excesivamente amplo de causas de forza maior que facilita a nosa expulsión temporal do mercado de traballo. Considérase forza maior cando as empresas perdan a actividade como consecuencia do COVID-19:

  • Con suspensión ou cancelación das actividades.
  • Peche temporais de locais de afluencia pública.
  • Falta de subministros que impidan gravemente continuar co desenvolvemento da actividade.
  • Restricións no transporte e a mobilidade.
  • Situación urxentes e extraordinarias por contaxio ou illamento de plantilla.

O proceso de forza maior será especial. A empresa debe solicitalo cun informe obrigatorio da situación. Se hai Comité ou delegadas de persoal debe remitirlles ese informe e a documentación acreditativa. A autoridade laboral deberá resolver en 5 días, e pode requerir informe de Inspección de Traballo. Se a Consellería non se posiciona enténdese autorizado.

Xa avisamos que hai moreas de ERTEs en fraude nestes momentos, para proba o que o Goberno lle revogou a Burger King.

Se estamos ante un ERTE fraudulento porque non se dá a casuística de forza maior, denuncia de maneira inmediata ante Inspección de Traballo.

Descarga aquí o modelo de denuncia ante Inspección de traballo por ERTE ilícito. Unha vez cuberta remítea ao fax da túa provincia, que podes consultar aquí.

OS ERTEs ORDINARIOS

Os ERTEs que non cumpran os requisitos da forza maior deberán tramitarse por causas económicas, técnicas, organizativas ou de produción. O Estado acaba de recortarnos o tempo de negociación que pasa de 15 a 7 días. Estes ERTEs deberán ser obrigatoriamente negociados coa representación.

PODEN PARAR A ACTIVIDADE A CONTA DAS MIÑAS VACACIÓNS?

Baixo ningunha circustancia a empresa pode mandarte para a casa dicindo que durante estes 14 días se consumirán as túas vacacións. As vacacións deben ser acordadas e aquelas que xa están pactadas non poden ser modificadas pola empresa baixo pretexto ningún. Tampouco poden obrigarte a consumir outros permisos nin os teus festivos. Non lles regales o teu tempo de descanso!

Se a empresa consume as túas vacacións a pesares da súa ilegalidade reclámaas!

CANTO PODEN DURAR OS ERTES?

O natural é que os ERTEs teñan exclusivamente a duración da actual situación excepcional. Aínda así hai moitas empresas que xa están preparando ERTEs de 6 meses de duración. Probabelmente a maioría sexan ilegais. Infórmate para impugnalos e que che devolvan o que é teu.

ASINO O ERTE OU A SUSPENSIÓN?

Asina todas as comunicacións dos ERTEs como recibido pero non conforme. Estannos estafando. Haberá que impugnar despois moito dos ERTEs para que recuperes o roubado.

COMO COTIZO DURANTE O ERTE?

Cando o ERTE sexa por forza maior, será o Estado quen abone a nosa cotización completa nas empresas de menos de 50 traballadoras. E para as de máis sabes que? O Estado aportaralles o 75 %. O tempo de ERTE considerarase cotizado a todos os efectos

QUE “PARO” COBRO DURANTE ESTAS SITUACIÓNS?

Recoñécese o dereito a percibir a prestación de desemprego durante a duración da suspensión. Percibirase o 70% os primeiros 180 días, a partir dese momento o 50%. Durante o ERTE perderemos o 30%, a parte proporcional das pagas extras, e o tempo proporcional de vacacións.

percibiremos o 100% se a empresa establece un complemento económico que ela asuma, e asume pagarnos as pagas e as vacacións. Que non te enganen con isto. Xeneráronse rumores para confundirnos, pero a realidade é esta.

Para os traballadores e traballadoras fixas discontinuas que de non ser por esta causa seguirían traballando, poderán volver a percibir o desemprego de ata 90 días.

Cobrarás o desemprego nesas contías aínda que non teñas o tempo cotizado. O paro consumido durante este perído serache devolto: porase o contador a cero.

COMO SOLICITO O DESEMPREGO?

Se te ves afectado por un ERTE, ERE ou suspensión de contrato, lembra que as oficinas do SEPE (antigo INEM) permanecen pechadas. Solicita a prestación telefónica ou telematicamente. Se xa estabas en situación de desemprego previa, a túa demanda renovarase automaticamente e enviarase ao teu teléfono.

Elimínase temporalmente a penalización por presentación extemporánea da solicitude do paro. Suspéndense os prazos para solicitalo, pero se queres cobralo a tempo fai xa a solicitude.

TEMPOS DIFÍCILES, COMPAÑEIRAS E COMPAÑEIROS

Agora toca chamar á calma, pero cando nos repoñamos da crise tocará máis do que nunca ocupar as rúas. Estase xestionando esta situación de maneira que gañe sempre o Capital. Deberemos saír ás rúas recuperar o roubado. Cómpre máis que nunca Unidade Popular e coraxe colectiva.

 

4. Como me podo informar dos meus dereitos?

OS LOCAIS DA CUT

A CUT quere contribuír á xestión da estafa laboral que se agocha atrás da crise do Coronavirus. A pesares de que os locais só atenderán baixo cita previa, existen liñas de atención telefónica sexas afiliada ou afiliado ou non o sexas, exclusivamente para temas laborais derivados desta crise. A información nestes momentos é esencial.

  • VIGO: Rúa Urzáiz 71 Entrechán dereito. Teléfono: 986220639 – 657878347
  • COMPOSTELA: Rúa de Sar 93. Teléfono: 981584427 – 698144229
  • CANGAS: Avenida de Moaña 17. Teléfono: 986392003 – 600515498
  • A CORUÑA: Rúa Barcelona 90. Teléfono: 639278845
  • RIBEIRA: Rúa Galiza 4. Teléfono: 981875282 – 647547435
  • OURENSE: Avenida de Marín 16, Andar 1º, 2º. Teléfono: 698144229.