A CUT, co pobo saharauí sempre

195

A CUT acaba de asinar un manifesto do sindicalismo internacional (consultar ao final) denunciando a apertura de Consulados de cinco países africanos, cómplices de Marrocos, nos territorios ocupados do Sáhara Occidental. Máis de trinta organizacións sindicais de Europa, África e América Latina sumámonos a esta iniciativa que denuncia esta nova aldraxe do Goberno marroquino ao pobo saharauí, conculcando os máis mínimos principios do Dereito Internacional.

Nunha estratexia de lexitimación da ocupación marroquina sobre a nación saharauí, que ben nos lembra á non lonxana instalación de distintas Embaixadas en Xerusalén por gobernos aliados da administración Trump, os gobernos de Gabón, Guinea, Costa de Marfil, Camoras e Gambia, coa complicidade das autoridades de Marrocos, acaban de instalar sedes consulares no Al Ayyum e Dajla.

A decisión de instalar eses Consulados non é unha acción illada nin moito menos improvisada. Rsponde a toda unha planificación marroquina para consolidar a ocupación imperialista e desnaturalizar a realidade do Sahara Occidental como nación con dereito á súa autodeterminación.

Como se manifesta no comunicado do sindicalismo internacional, dita acción atenta, ademais de contra a soberanía saharauí, contra os principios do Dereito Internacional recollidos na Carta das Nacións Unidas, contra os fundamentos da Organización da Unidade Africana (OUA) e conculca o dereito de fronteiras seguras que establece a Lei Constitutiva da OEA.

Ao Goberno marroquino, na súa lóxica imperialista carente de respecto polos dereitos humanos e baixo o paraugas das políticas dos Gobernos de Francia e do PSOE-Podemos sobre o Sahara, impórtanlle ben pouco as regras do dereito, aproveitando as sinerxias de gobernos aliados e fieis aos intereses imperialistas franceses. Desta maneira intenta, ademais de danar ao pobo saharauí, debilitar colateralmente á OUA, onde a República Árabe Saharaui Democrática é recoñecida maioritariamente.

Algo de Historia Saharaui

O territorio do Sáhara Occidental leva desde 1975 ocupado militarmente por Marrocos. A súa poboación está partida en dous, as persoas que seguen no territorio ocupado e as aloxadas desde 1976 na hamada dos campamentos de Refuxiados de Tinduf (Alxeria). Mais o pobo saharauí resiste ao drama histórico ao que é sometido e, malia as difíciles condicións de loita e a un contexto histórico internacional absolutamente adverso, os e as saharauis non renuncian a exercer o seu dereito á autodeterminación nacional e á independencia.

En 1975 o Goberno Franquista, non moi distinto na súa política colonial aos que lle sucederon da UCD, PSOE e PP, venden o Sahara aos gobernos corruptos de Marrocos e Mauritania partindo o territorio en dous. A uns e outros pouco lles importou o ditaminado pola Sentenza do Tribunal Internacional de Xustiza da Haia sobre os dereitos dos naturais do Sáhara. O 26 de febreiro de 1976 constitúese a República Árabe Saharaui Democrática, inmediatamente recoñecida pola maioría de paises africanos e latinoamericanos e que pasa a integrarse na OUA.

Co mesmo abandono español da colonia e a simultánea ocupación marroquina, a Fronte Polisaria, xa creada en 1968, comeza a guerra heroica do pobo saharauí ,que en dous anos chega a derrotar ao exército mauritano logrando a súa rendición. É entón cando o exército alauita substitúe ao mauritano para facerse ocupante de todo territorio desde Tarfaya a Cabo Branco. En 1991 o Goberno da RADS e de Marrocos asinan os Acordos de Paz que poñen fin ao conflito armado e constitúese a MINURSO, misión da ONU para a supervisión e o cumprimento dos acordos de paz.

Pero a actitude raposa do rei alauita non ía cambiar coa fin da guerra. Aínda que sería sesgado adxudicar toda a responsabilidade á parte marroquina, xa que esta non podería manter a ocupación sen o apoio non disimulado dos gobernos de EEUU, Francia e España por esta orde. Para os primeiros, como aliado necesario e xendarme xeoestratéxico na zona e, para os españois, por razóns absolutamente miserábeis de intereses capitalistas.

O contido e sentido mais importante dos Acordos de Paz foi o de establecer un censo de orixinarios saharauís para acometer no menor tempo posible o Referendo de Autodeterminación. A administración marroquina dinamitou unha e mil veces a posibilidade de levar a cabo o plebiscito, utilizando múltiples vías para entorpecer a labor da MINURSO e establecendo colonias inmensas de cidadáns marroquinos que pretenden facer pasar por saharauis. Nin sequera o chamado Plan Baker ou Acordos de Houston no ano 1997 lograron desatascar o bloqueo do proceso.

Galicia e o Sahara Occidental

Para a CUT a solidariedade co pobo saharauí forma parte de noso adn, incluso foi dalgunha maneira argamasa da nosa xénese en 1999. Debera sela tamén para Galicia e para o pobo galego. Sábeno ben as poboacións costeiras deste País, sobre todo das Rías Baixas. É certo que a solidariedade e o internacionalismo teñen que ser conceptos transversais e de clase con todos os pobos do Mundo, pero no caso do Sáhara Occidental estamos a falar dun País irmán.

Cando afirmamos isto, non o dicimos desde a óptica reaccionaria de ver as terras de Saguia el Hamra e Río de Ouro coa nostalxia da colonia perdida. Facémolo coa conciencia viva e de clase construída por máis de sesenta anos de presenza mariñeira galega nas augas do caladoiro do banco canario-sahariano. Galicia está en débeda infinita con ese pobo ao que lle usurpamos as súas riquezas durante lustros: os armadores na súa lóxica capitalista e os mariñeiros desempeñando o seu rol de clase.

Desde o mesmo comezo da andadura sindical e recollendo a dilatada experiencia de irmanamento  entre o noso colectivo mariñeiro, a CUT sempre estivo ao lado do pobo saharauí e dos seus lexítimos representantes da RADS, da Fronte Polisaria e de UGTSARIO como expresión sindical do movemento de liberación.

Moitas foron as estadías de galegas en Tinduf no Congreso da Fronte Polisaria, de UGTSARIO e mesmo desenvolvendo un Seminario sobre Pesca no Sahara. Tamén a visita de representantes saharauis en Galicia, en especial a que nos brindara en 1995 o finado de Bujari Ahmed, Embaixador da RADS moitos anos diante da ONU, e en 1996 a de Omar Mansur, daquela Ministro de Asuntos Exteriores da RADS, xunto a outras responsábeis da Fronte Polisaria e de UGTSARIO.

 

COMUNICADO SINDICAL INTERNACIONAL CONTRA A APERTURA DE CONSULADOS DE CINCO PAÍSES AFRICANOS, ALIADOS CON MARROCOS, EN TERRITORIOS OCUPADOS DO SÁHARA OCCIDENTAL

As organizacións sindicais de distintos continentes abaixo firmantes queremos denunciar a apertura de consulados de cinco países (Costa do Marfil, Comores, Gambia, Guinea e Gabón) auspiciada por Marrocos nos territorios ocupados do Sáhara Occidental.

Consideramos que esta decisión constitúe un gravísimo acto de agresión contra a soberanía do pobo saharauí e viola os principios que levaron á creación da Organización da Unidade Africana (OUA), así como os tratados internacionais e resolucións da propia ONU e institucións internacionais defensoras dos dereitos humanos. A OEA, no seu artígo 4 da Lei Constitutiva, contempla a intanxibilidade das fronteiras existentes no momento da independencia, tal e como, recentemente, recordou o Ministerio de Exteriores da República Árabe Saharauí Democrática (RASD). Trátase, pois, dunha violación do Pacto de Non-Agresión e Defensa Común contemplado en dita lei.

Consideramos estes acontecementos como un paso máis da estratexia do Reino de Marrocos no seu proceso de ocupación ilegal do territorio saharauí, o seu incumprimento das resolucións internacionais e as constantes violacións dos dereitos humanos contra o pobo saharauí.

Instamos aos mencionados Estados a que respecten o dereito internacional e procedan ao peche inmediato dos devanditos consulados. E tamén esiximos o máximo respecto ao dereito de autodeterminación do pobo saharauí e a aplicación, dunha vez por todas, das resolucións tomadas no seu momento pola ONU, celebrando o referendo que nelas se contempla, que poña fin a esta ocupación ilegal dos seus territorios.

Tamén facemos un especial chamamento aos gobernos de Francia e España para que modifiquen a súa política exterior en relación a este conflito, caracterizada até agora por unha defensa dos intereses de Marrocos a costa dos lexítimos dereitos do Sáhara Occidental.

Finalmente, queremos ratificar toda a nosa solidariedade coas compañeiras e compañeiros da UGTSARIO e a propia RASD, nas súas xustas reclamacións sobre este conflito e as súas demandas do dereito de autodeterminación.

24 de febreiro de 2020