26 de febreiro: autoescolas en folga con manifestación rodada

218

O vindeiro mércores 26 de febreiro as autoescolas da provincia de Pontevedra estarán en folga desde as 10 ás 13 horas. Coincidindo con ese paro, haberá unha manifestación rodada en Vigo que sairá do Centro Comercial Travesía e circulará polas rúas Travesía, Gregorio Espino, Avenida de Madrid, Praza de España, Gran Vía, Praza América, López Mora, Camelias, Álvaro Cunqueiro e finalizará na Rúa Regueiro.

Esta folga convocouse por decisión asemblearia da Sección Sindical da CUT Autoescolas ante a precariedade que está a padecer o sector:

 

  • Xornadas de traballo que comezan ás 8 da mañá para rematar máis ala das 22 horas, cunha ausencia absoluta de control da xornada.
  • Autoescolas que pagan por clase dada, se non se presenta o alumno non cobras.
  • Sen desfrute de vacacións.
  • Sen recoñecemento de enfermidades laborais.

Mantivéronse contactos coa organización patronal máis importante da provincia (Asociación Provincial de Autoescolas de Pontevedra), pero esta non amosou o máis mínimo interese en arranxar a situación, ata o punto de botarnos a nós, os traballadores e traballadoras, a culpa de aceptar as condicións que nos ofrecen; é dicir, culpan da precariedade a quen a padece e non a quen a crea. Kafkiano.

Este é o primeiro paso doutros que virán, e cada vez serán máis contundentes e firmes.