A CUT, no XIV Congreso da CGTP-IN

75

A CUT participou como organización convidada no XIV Congreso Nacional da CGTP-IN que se celebrou esta pasada fin de semana na cidade portuguesa de Seixal. Manolo Camaño, responsable de Relacións Internacionais da nosa central, representou á CUT neste importante evento do sindicato irmán, o máis importante de Portugal, que é a terceira vez que nos convida ao seu encontro congresual.

O evento tivo dúas partes. O xoves 13 de febreiro celebrouse unha Conferencia Sindical Internacional na que participamos todas as delegacións convidadas e que tivo como base o informe sobre a conxuntura internacional presentado desde a CGTP-IN. Os días 14 e 15 celebráronse xa as sesións propiamente ditas do Congreso coa participación de máis de 600 delegadas e delegados procedentes de todo o territorio nacional e de todos os sindicatos da central. A maiores, tamén asistiron preto de 140 delegadas e delegados dos sindicatos non federados na central portuguesa.

A Conferencia Sindical Internacional

Cómpre destacar a amplísima e sen precedentes participación dos sindicatos do Mundo. Asistiron ao Congreso máis de cen representantes de sindicatos de 70 países, un amplo abano de organizacións de distinto signo ideolóxico e de distinta adscripción internacional. Así, acudiron a Seixal sindicatos pertencentes á FSM como a CTC de Cuba, COSATU de Suráfrica, CITU da India ou a CTB de Brasil. Outros pertencentes á CES e CSI, como a CGT de Francia, CGIL de Italia ou CCOO de España. Tamén foi destacable a presencia do movemento sindical dos países de fala portuguesa: Brasil, Angola, Cabo Verde, Mozambique e A Guinea. En definitiva, un amplo despregue sindical internacional para afortalar o Congreso Nacional da CGTP-IN, que homenaxeou en determinados momentos as loitas de Cuba, Venezuela, Palestina ou o Pobo saharaui.

Nese contexto foi ben interesante a conversa que mantivemos con George Mavrikos, Secretario Xeral da FSM, de cara a implementar o funcionamento da FSM no Estado Español.A CUT, máis alá da súa presencia formal e protocolaria no Congreso portugués, mantivo diferentes contactos con diversas organizacións sindicais amigas, e aproveitou para visualizar a súa existencia en clave nacional e de clase diante do movemento sindical internacional.

Sobre o XIV Congreso Nacional da CGTP-IN

A posta en escea foi potente, planificado e coidada, cunha clara escenificación do poderío da CGTP como central maioritaria de Portugal. Nin máis nin menos que 600 delegadas e delegados con dereito a voto.

No Congreso produciuse una forte renovación na dirección da central. A camarada Isabel Camarinha resultou elexida Secretaria Xeral, substituindo a Carlos Armenio despois de oito anos á fronte da central sindical. O novo Secretario de Relacións Internacionais é o compañeiro Joao Barreiros.

No contexto da renovación profunda tivo lugar unha forte incorporación de mulleres á vida orgánica da central: máis do 45% da participación interna foi de delegadas e a numerosa asistencia de mulleres visibilizábase tanto a simple vista como no número de intervencións, equiparable á dos homes, así como no número de compañeiras elixidas para o novo órgano de dirección.

a CGTP-IN acordou o relanzamento da mobilización na rúa e o exercicio da Folga, xunto á esixencia da negociación co Goberno portugués para acabar coa precariedade

No plano dos acordos congresuais referentes á intervención sindical para os vindeiros catro anos, a CGTP-IN acordou o relanzamento da mobilización na rúa e o exercicio da Folga, xunto á esixencia da negociación co Goberno portugués para acabar coa precariedade laboral e os baixos salarios.

Por outra banda, acordouse afortalar as ferramentas de intervención sindical para recuperar a negociación colectiva, a loita pola igualdade, o incremento do salario mínimo e tamén das pensións.

Nun eixo máis político na acción sindical, a CGTP-IN ten acordado actuacións en contra da política migratoria xenocida que protagoniza a UE e o afortalamento da súa posición fronte á guerra e o imperialismo mundial en todas as súas formas.