A CUT convocará folga nas autoescolas de Pontevedra

1172

O pasado sábado 18 de xaneiro celebrouse asemblea da afiliación da CUT das traballadoras de autoescolas de Pontevedra e, por unanimidade, acordouse a convocatoria de Folga o día 26 de febreiro entre as 10 e as 13 horas, ao tempo que se fará unha manifestación “rodada” polas rúas de Vigo.

O sector precarizouse progresivamente nos últimos anos cando os empresarios decidiron ofertar á baixa as prácticas e os cursos de condución, poñendo horarios sen límite ao gusto do consumidor. Para poder seguir eles gañando cartos, tiveron que quitarllelos aos compañeiros e compañeiras que desenvolven o traballo. Por riba, non se cumpre o convenio nin en xornada laboral, vacacións, protección da saúde…

Houbo unha primeira xuntanza coa patronal e a resposta, resumida, foi que “o problema é voso porque sodes vós os que aceptades esas condicións”. Pediron tamén que lles fagamos o traballo de advertirlles ás empresas que non cumpren os mínimos. Pois ben, decidimos tomar o mando e a partir de agora seremos nós quen poñamos as condicións.