Concentración solidaria piqueteiras 8M nos Xulgados de Compostela

99

O 8 de marzo do 2019 vivimos outra xornada histórica de folga feminista. Desde a primeira hora da mañá os piquetes saíron a informar ás mulleres sobre o seu dereito a secundar a folga e a animar a participación nas actividades programadas para ese día, actuación que foi clave para o éxito rotundo da convocatoria.

Durante a xornada, as mulleres participantes nun deses piquetes na cidade de Compostela foron identificadas pola policía nacional mentres desenvolvían a súa actividade de axitación e propaganda, sen que mediara ningún tipo de acción que xustificase as identificacións. Tiveron os seus efectos persoais revisados e incautóuselles o material que portaban: bridas, tizas, un rotulador, un pano requisado a unha compañeira embarazada, artigos de pirotecnia e pintura violeta.

incautóuselles o material que portaban: bridas, tizas, un rotulador, un pano requisado a unha compañeira embarazada, artigos de pirotecnia e pintura violeta

O pasado verán chegoulles a tres desas piqueteiras cadansúa multa de 600 euros baixo a cualificación de infracción grave por portar material que poderia causar desordes públicos e ameazas á seguridade cidadá. Estas multas foron recorridas xudicialmente e o vindeiro martes día 21 dúas destas mulleres enfrontaranse a un xuízo no contencioso-administrativo para que se lles retiren, dado o carácter infundado, rocambolesco e crimizalizador da protesta que se aprecia na xustificación desas sancións. O terceiro xuízo aínda non ten data.

Só podemos cualificar de esperpéntico e hipócrita o comportamento de institucións como a Subdelegación do Goberno, ocupada na actualidade polo PSOE, que enchen a boca con slogans feministas e logo reprimen os feminismos de base que se mobilizan contra as políticas patriarcais, capitalistas, racistas e LGBTIQ fóbicas. Con ese tipo de actuacións deixan ver o que de verdade se esconde detrás da carauta lilá coa que fixeron propaganda nos últimos tempos: non toleran e perseguen calquera acción feminista que faga tremer as estruturas patriarcais e todo o sistema violento e opresor que sustentan. Buscan que traguemos o seu feminismo liberal burgués e que as mulleres saiamos do redil de sumisión os centímetros xustos para darlle un pouco de aire a este sistema putrefacto. Pero sen excesos, só polo camiño que nos marquen os poderes estabelecidos. Manifestarse sí, pero sen ameazar o fluxo de produción e de reprodución da vida. Sen ameazar a súa paz social.

Buscan que traguemos o seu feminismo liberal burgués e que as mulleres saiamos do redil de sumisión os centímetros xustos para darlle un pouco de aire a este sistema putrefacto. Pero sen excesos, só polo camiño que nos marquen os poderes estabelecidos

Fronte a eses discursos e prácticas, fronte á situación de emerxencia pola escalada das violencias patriarcais e vulneracións de dereitos que estamos a vivir as mulleres e outras identidades non hexemónicas, defendemos e seguiremos defendendo o noso dereito lexítimo a expresarnos, mobilizarnos e facer política feminista sen ataduras nin códigos de conduta. Porque un feminismo que non incomoda non nos serve.

Por todo isto, e en solidariedade coas compañeiras multadas, facemos un chamamento a concentrarnos o martes 21 de xaneiro ás 10h diante do Xulgado de Fontiñas en Compostela. E dado que na casa teremos abondo material subversivo como o que foi incautado ás compañeiras e cuxa posesión foi motivo das multas, animámovos a acudir o martes con artigos de guerrilla feminista como os que empregamos o último 8 de marzo: bridas, tizas, cinta de precinto, panos, pinturas… dade renda solta á imaxinación!

facemos un chamamento a concentrarnos o martes 21 de xaneiro ás 10h diante do Xulgado de Fontiñas en Compostela

Se non podes acudir o martes, saca unha foto con algún deses materiais e publícaa xunto cos hastags:

  • #multadas8M
  • #18bridase2palillos
  • #feminismoqueincomoda