A mirada

78

Todo comeza na mirada. Na calidade da mirada. A partir dela é que se define o sentido da vontade política.
Se o corazón non é cego, é dicir, se a túa mirada, tinguida de razón amorosa, carga no espazo e no tempo a intelixencia da amplitude, para darlle unha humana perspectiva ao detalle, entón a túa vontade política inscribirase na de “a causa humana”, por así dicilo.

Acharás referentes e compañeiros cos que te saberás identificar, habitantes de calquera época ou lugar, porque na perspectiva histórica da memoria compartida, os soños seus son os teus soños. Dese xeito farás teus os seus nomes e as súas loitas para xamais sentirte en soidade, aínda nas circunstancias máis difíciles ou ante a máis amarga das derrotas. Porque te verás ao espello e reflectiranse multitudes.

Pero se, desde a orixe, a túa mirada é curta, condicionada e carente do amor suficiente, entón militarás no universo contrario e a túa vontade política estará atada irremediablemente á dalgún grupo de interese. E cando te vexas ao espello, nin sequera te comprenderás ben a ti mesmo.

É así. Non lle hai que dar máis voltas.