Sindicalismo é política

151

Brais González Pérez

Responsable Asesoría Xurídica da CUT

 

 

 

Un dos tesouros do libro “La Federación Sindical Mundial 1945-1985”, dispoñíbel na web da CUT (aquí), é que nos recorda que a batalla entre o chamado sindicalismo reformista e o sindicalismo de clase ou combativo non é un pecado do noso tempo. Todo ao contrario, está presente en toda a historia do moi novo movemento obreiro.

Na metade do pasado século, o sindicalismo ianqui apostaba todas as súas cartas á mera negociación colectiva. Limitábase a acadar o mellor acordo posíbel entre clases, pero sen cuestionar a posición pro-rapina dos propios Estados Unidos. Á súa vez outro tipo de sindicalismo andaba a aniñar no mundo. Este novo movemento apostaba pola mellora concreta e a negociación cunha coraxe impagábel, pero a súa aspiración esencial era a Paz. A Paz esixíanna, claro está, as obreiras e os obreiros que pagaran co seu sangue todas as peaxes da IIª Guerra Mundial. Posteriormente, este continxente sindical mundial apostou pola Liberación Nacional, e só así incorporáronse ao taboleiro internacional nacións humanas enteiras ata o daquela pregadas, acaladas e silenciadas pola fusta colonial.

CCOO e UGT seguen a representar esa aspiración limitada ou reformista. A súa mensaxe principal é que aos sindicatos tan só lles corresponde negociar o Convenio Colectivo, as medidas de prevención ou enfrontarse á reforma laboral. Non hai necesidade, parecen dicirnos, de aspirar a nada máis alá das paredes do noso centro de traballo. O sindicalismo, seica, non existe para cambiar o mundo, senón para negociar un 2% de incremento salarial

Xa no noso tempo estas dúas visións do sindicalismo parecen seguir en conflito de maneira circular. CCOO e UGT seguen a representar esa aspiración limitada ou reformista. A súa mensaxe principal é que aos sindicatos tan só lles corresponde negociar o Convenio Colectivo, as medidas de prevención ou enfrontarse á reforma laboral. Non hai necesidade, parecen dicirnos, de aspirar a nada máis alá das paredes do noso centro de traballo. O sindicalismo, seica, non existe para cambiar o mundo, senón para negociar un 2% de incremento salarial. Mais o custe deste “apoliticismo” é ben coñecido por todas: o silencio cómplice e por tanto culpábel que permitiu que nos roubasen, que nos expropiasen dereitos consolidados a mans cheas, que o grupo social máis enriquecido saquease a riqueza social mentres nós pagamos os seus créditos: desafiuzamentos, despedimentos masivos, desemprego, fame, violencia, desigualdade…

Afortunadamente o sindicalismo de clase e combativo segue a existir para denunciar esa mentira: o sindicalismo é pura acción política. Non podería ser outra cousa. Porque aínda que a nosa responsabilidade inmediata é intervir nos sectores produtivos para que as traballadoras e traballadores avancemos en dereitos económicos e sociais, a nosa aspiración e a intención coa que nos unimos, xuntamos os nosos esforzos e traballamos centro a centro segue a ser a da paz, a da redistribución da riqueza, a da fin das desigualdades de clase e xénero, a da liberación nacional, a das liberdades e dereitos civís e políticos. E, quizais por riba de todo, a de empurrar para construír un sistema económico para a xustiza, a igualdade e a liberdade colectiva. Para a felicidade. No contexto dun país que decida libremente o seu destino.

o sindicalismo é pura acción política. Non podería ser outra cousa. Porque aínda que a nosa responsabilidade inmediata é intervir nos sectores produtivos para que as traballadoras e traballadores avancemos en dereitos económicos e sociais, a nosa aspiración e a intención coa que nos unimos, xuntamos os nosos esforzos e traballamos centro a centro segue a ser a da paz, a da redistribución da riqueza, a da fin das desigualdades de clase e xénero, a da liberación nacional, a das liberdades e dereitos civís e políticos

A contribución que podemos facer sindicatos como a CUT, conscientes da nosa existencia humilde, é demostrar empresa a empresa que a nosa unión permite grandes avances. Que a folga funciona. Que unha batalla sindical ben deseñada é unha vitoria. Que somos quen de amarrar forte da man á compañeira e ao compañeiro. Que o inimigo non é tan grande. Que na loita sindical podemos derruír as diferenzas e as indiferenzas. Que podemos ser educadas pero tamén molestas. Que a rabia colectivizada pode poñerse ao servizo da construción.

Cada conflito sindical que a CUT propón serve de aprendizaxe. En cada centro de traballo, en cada unha das nosas loitas ou en cada asemblea estamos a nos preparar para facerlle fronte ao conxunto dun sistema humanicida. Porque a clase traballadora, coas nosas ferramentas obreiras (a unión, a asemblea, a mobilización, a folga…), precisamos estar preparada para facerlle fronte aos saqueadores de fortunas, de riquezas, de dereitos. Para facerlle fronte aos ladróns de vidas. Se non o facemos nós ninguén o vai facer por nós.

un desatento miliciano colócase involuntariamente a tiro do inimigo. Semellaba poñer máis coidado en non manchar as botas que en gardarse dos disparos. Isto provoca a mofa do responsábel da milicia: “vas ser un morto cos zapatos moi limpos

Nun adestramento de motaña, durante o filme O vento que axita a cebada, un desatento miliciano colócase involuntariamente a tiro do inimigo. Semellaba poñer máis coidado en non manchar as botas que en gardarse dos disparos. Isto provoca a mofa do responsábel da milicia: “vas ser un morto cos zapatos moi limpos”.

Por iso a proposta da CUT é enlamar ben as botas. Enlarafuzarnos, enzoufarnos, emboutarnos, emporcarnos do mundo que vivimos e sucias e sucios construír no tempo que nos toca e no pouco que dura vida de cada unha o mellor dos mundos posíbeis. Porque temos dereito a vivir en dignidade. Pero tamén porque das augas dese novo mundo han beber as nosas fillas e fillos. Non paga a pena o esforzo?