A conciliación en Citroën avanza nos xulgados

108

O Xulgado do Social número 2 de Vigo, a instancias dunha demanda presentada pola CUT en materia de conciliación dun traballador de Citroën, vén de ditar unha sentenza que marca outra novidosa pauta dentro do sector da automoción, onde están moi aferradas as quendas rotativas de mañá, tarde ou noite, considerando a petición deste traballador de manter unha quenda fixa de mañá para garantir a súa conciliación laboral e persoal coa da súa parella.

recoñece o dereito do traballador da fábrica á adaptación da súa xornada laboral por conciliación da vida familiar e laboral, sen necesidade de redución de xornada

A sentenza recoñece o dereito do traballador da fábrica á adaptación da súa xornada laboral por conciliación da vida familiar e laboral, sen necesidade de redución de xornada, tal e como se recolle no Real Decreto Lei 6/2019 de 1 de marzo (artigo 34.8 do ET).

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia xa ditara sentenza o 28 de maio de 2019, tamén a instancias dunha demanda da CUT, recoñecendo o dereito dunha traballadora de Citroën a que se lle concedese o horario fixo que precisaba por garda legal, neste caso con redución de xornada. O novidoso desta nova Lei é que se engade un artigo 34.8 que é fundamental para poder atender as necesidades familiares sen ter que perder cartos xa que, ata a súa entrada en vigor, só se contemplaba a conciliación se había unha redución de xornada, co conseguinte desconto de salario. Deste xeito a nova normativa aporta notables melloras co fin de adoptar medidas necesarias para garantir que as persoas traballadoras con fillos/as menores de 12 anos e coidadores/as de persoas dependentes teñan dereito a solicitar fórmulas de traballo flexible para ocuparse das súas obrigas de coidado.

se engade un artigo 34.8 que é fundamental para poder atender as necesidades familiares sen ter que perder cartos xa que, ata a súa entrada en vigor, só se contemplaba a conciliación se había unha redución de xornada, co conseguinte desconto de salario

Esta sentenza de concreción horaria por conciliación é a primeira que se lle recoñece a un traballador, e valorámola moi positivamente xa que así se pode lograr a efectiva participación no coidado dos/as fillos/as a través dun reparto equilibrado das responsabilidades familiares introducindo o elemento da ´corresponsabilidade´ en sentenza. Este tipo de medidas intentan garantir a igualdade de trato e de oportunidades entre mulleres e homes e agardamos que PSA, con varias sentenzas na contra da súa política social, empece a respectar a nova normativa vixente e non teñamos que demandar reiteradamente ante a xustiza que se fagan valer os nosos dereitos.

Agora a empresa, como xa fixo coa sentenza anterior, no lugar de negociar e buscar solucións, obrigará a un traballador indefinido/a, por mor desta sentenza, a estar permanentemente de tarde, para culpabilizar á CUT, cando existen alternativas sen penalizar aos traballadores/as actuais de fábrica. E cuestión de vontade.

É preciso buscar fórmulas e acordos que compatibilicen as necesidades das persoas traballadoras en materia de conciliación sempre dende unha perspectiva social, non produtiva como pretende a empresa. E negociando, non impoñendo.