A CUT diante da encrucillada de América Latina

125

Comezou este 2019 que estamos a rematar, co centro de gravidade da loita de clases no Mundo na perspectiva da intervención imperialista situado en Siria. Ademáis das dramáticas consecuencias de carácter interno para a nación árabe no plano xenocida, humano e económico, esta guerra  imperialista en Siria supuxo toda unha afectación rexional no Medio Oriente, e unha confrontación xeoestratéxica e xeopolítica con inumerábeis factores en xogo: Irán, Palestina, Líbano, Iemen, etc.

O conflito xenocida de Siria, lonxe de estar finiquitado, segue aberto aínda que a cronoloxía da guerra e o reprantexamento ou repregue dos axentes imperialistas, Turquía, EUA e Arabia Saudita, indican que van triunfando as teses progresistas e a vitoria do Goberno Sirio sobre os mercenarios fabricados desde Washington ou París . Este drama promovido desde EUA, Inglaterra e Francia, co beneplácito da OTAN e da UE, é todo un experimento histórico onde as novas ferramentas de guerra, sobre todo a medíatica, pero tamén a utilización da psudoesquerda, tiveron un papel primordial.

Remata logo o ano, e hoxe, o centro de gravidade  témolo situado en América Latina. Cando as teses reducionistas ou deterministas daban por morta a vía progresista nesta área despois das derrotas ou intervencións imperialistas en, Nicaragua e Venezuela, a perda electoral en Brasil, Chile ou Arxentina, que trataba de por fin ao que alguén chamou a década dourada a loita de clases en todas as súas vertentes devólvenos a una paisaxe convulsa en América Latina.

Efectivamente a intervención imperialista está sendo respondida con contundencia polos pobos de América. Hoxe, toda América Latina é una gran ola a presión onde as clases populares enfróntanse radicalmente ás políticas neoliberais e as oligarquías locais que xestionan o receitario do FMI e do imperialismo.

Sería una irresponsabilidade desde o sindicalismo de clase, tamén desde a CUT, non prestar atención ao proceso que vive esta rexión do Mundo, onde a clase traballadora enfronta un combate aberto contra as oligarquías nacionais e contra o imperialismo americano fundamentalmente. Unha rexión do Mundo ademáis con tantos lazos de irmandade co País que non precisamente por axente xenocida e colonizador. Foron centos de miles as galegas e galegos migrantes en Arxentina, México, Venezuela, Cuba, Brasil e millóns de persoas nacionais deses países que a súa orixe está en Galicia.

Pero máis importante que os lazos históricos e de irmandade, están os lazos de clase. Cando millóns de traballadoras e traballadores están desempeñando un rol de combate histórico, a clase traballadora galega non podemos mirar para outro lado ou pensar que os diversos conflitos de Bolivia, Colombia, Chile ou Ecuador quédannos demasiado lonxe.

Intentaremos desde aquí analizar e identificar as variables máis importantes da conxuntura latinoamericana. Para poder comprendela na súa totalidade consideramos que é imprescindible contextualizar no tempo e no espazo xeopolítico e xeoestratéxico o fenómeno social, económico e político actual.

Mural en homenaxe ao Comandante Hugo Rafael Chávez Frías

É indiscutible que a Revolución Bolivariana, protagonizada por Hugo Chávez en Venezuela, convulsionou a América desde Rio Grande a Punta Arenas. Xa o fixo a Revolución Cubana no 1959. O aire fresco de ilusión e esperanza na busca da dignidade da maioría oprimida e orixinaria dos países do sur do continente, Centro América e o Caribe instalouse de maneira clara en amplísimas masas. Máis alá da chegada ó Goberno de forzas ou movementos progresistas, é evidente a toma de conciencia de millóns de homes e mulleres para cambiar a Historia.

Despois da chegada ó Goberno de Hugo Chávez en Venezuela, chegan tamén ao goberno, Lula no Brasil, Evo en Bolivia, Correa no Ecuador, Ortega en Nicaragua, Zelaya en Honduras, Kirchner  en Arxentina, e mesmo gobernos progresistas ou superadores das ditaduras en Uruguay e Chile. Nunca na Historia as posicións progresistas se impuxeran no xeral de América Latina.

O fracaso das políticas imperialistas para o seu “patio traseiro” faise evidente. As receitas neoliberais acuñadas polo Pentágono e o Departamento de Estado so teñen percorrido en Colombia e México. Comeza una nova etapa de construción latinoamericana, o ALCA ou o Mercosur, son boa expresión do que estamos analizar.

O desenvolvemento dos movementos sociais en todo o área é indiscutible. A participación cidadán, a emancipación da muller, os movementos dos pobos orixinarios ou a organización do estudantado pasan a ser protagonistas dos distintos procesos, moitas veces non exentos de contradicións, pero é innegable e indiscutible o avance social e de redistribución da riqueza.

Na primeira fase do proceso, o imperialismo ianqui por primeira vez na Historia tense que lamber as feridas diante da imparable emerxencia de Nuestra América, que dixera José Martí. As teses da “Morte da Historia” de Fukuyama  entran nunha crise definitiva e evidénciase como a gran mentira da Historia e como concepto necesario da narrativa lexitimadora do Neoliberalismo.

Pero obviamente nin as oligarquías locais nin o imperialismo ían quedar cos brazos cruzados fronte ós procesos de emancipación na súa máis inmediata zona de influencia. Ó par de que os distintos gobernos progresistas revalidaban o seu mandatos, os laboratorios de ideas do imperialismo americano e da UE comezan a fabricar a contrarrevolución. As novas receitas inxerencistas van conter vectores multiformes conformando un verdadeiro abano de posibilidades. Sinalaremos as máis importantes do catálogo:

Campañas de manipulación mediática colosal.

Bloqueo económico e financeiro.

Permeación dos Poderes Xudiciais para a xudicialización da vida política.

Infiltración dos propios movementos progresistas.

Subvención de partidos e factores políticos en xeral.

Intervención militar que vai desde o sicariato ó golpe de estado.

Bendición política imperialista por parte da OEA.

Máis as cabezas pensantes do Departamento de Estado ianqui, programan as intervencións de maneira escalonada no tempo e adecuando as medidas de inxerencia e acoso segundo as distintas realidades. A diferencia dos anos sesenta ou setenta do século pasado, a intervención imperialista coida moito a imaxe, é máis sutil. A Escola das Américas, noutra hora verdadeira academia de tortura e asasinato para os milicos latinoamericanos, é substituída polos cursos subvencionados aos Xuices en EUA, ou a subvención e captación de movementos sociais e políticos incluso da propia esquerda.

Deixando a un lado o bloqueo histórico a Cuba desde hai sesenta anos, recruecido con novas e recentes medidas, a Revolución Bolivariana en Venezuela e a Sandinista de Nicaragua que sofren medidas extremas de bloqueo e inxerencia descarada, a loita de clases expresada como o enfrontamento antagónico contra o neoliberalismo estase a manifestar con toda súa crueza en toda América do Sur.

En Chile xa van dous meses  de mobilizacións na rúa fronte a trinta anos do experimento da Escola de Chicago e obxectivable hoxe no Goberno de dereita de Sebastián Piñera. A obra e martirio de Salvador Allende non foi en balde, as novas xeracións están a por fronte as cordas ao pinochetismo inxerido no Réxime chileno. Máis de corenta mortos, máis de 600 feridos e miles de detidos, torturados e mulleres violadas.

En Ecuador a táctica imperial ensaiou a infiltración con moito tempo. Increiblemente o sucesor de Correa resultou ser un infiltrado do imperialismo e das castas ecuatorianas máis recalcitrantes. Aínda asi, a resposta popular ás medidas adoptadas polo Goberno de Lenin Moreno por mandato do FMI, demostrou ó Mundo que as clases populares e os pobos orixinarios non tragan cas partituras neoliberais.

A loita dos estudantes en Chile, da clase traballadora de Colombia, das mulleres de pollera de Bolivia son a nosa loita

En Brasil os medios venderon a elección de Jair Bolsonaro como un inminente paseo militar sobre a maioría social brasileira. Isto non foi así, fundamentalemente os movementos sociais e o sindicalismo foi quen de por negro sobre branco a verdadeira natureza fascista do Goberno brasileiro ou forzar a liberdade de Lula.

En Bolivia deron o golpe militar disfrazándono de “golpe cívico”, un eufemismo para ocultar o verdadeiro signo do mesmo. Evidénciase a utilización de idéntico libreto que en Venezuela; ditadura-fraude-autoproclamación. Tamén ducias de mortos, centos de feridos, máis de mil detidos e Evo Morales e o seu Vicepresidente García Linera no exilio. Pero aínda así o binomio golpista EUA-Oligarquía Cruceña non son capaces polo de agora de sufocar a revolta dos e das probes de Bolivia.

Reparar nos lixos nos ollos de Evo, e obviar os inmensos logros de todos os procesos cidadáns progresistas, sería simplemente un delito intelectual e de clase

En Colombia o Goberno narcomilitar de Ivan Duque está sendo abaneado nestes días pola unidade obreira e popular na rúa. O sindicalismo, o estudantado, o feminismo, o mundo da Cultura están en alianza clasista para frear as intencións gubernamentais de abaratar os salarios e rebaixar as pensións.

Ó conxunto de respostas sinaladas, si lle xuntamos a vitoria electoral de AMLO en México fai un ano, e a máis recente de Alberto Fernández en Arxentina, o escenario latinoamericano reflicte o poder albiscar unha físgoa de esperanza para a clase traballadora latinoamericana.

A nós, desde a CUT só nos queda manifestar a nosa solidariedade internacionalista e tomar nota desta xesta heróica de América Latina. A loita dos estudantes en Chile, da clase traballadora de Colombia, das mulleres de pollera de Bolivia son a nosa loita. Quen non o entenda está perdida. Reparar nos lixos nos ollos de Evo, e obviar os inmensos logros de todos os procesos cidadáns progresistas, sería simplemente un delito intelectual e de clase.

Reivindicamos como baluartes para manter esta confronta clasista e antimperialista, os procesos revolucionarios de Cuba e Venezuela