Non á cesión do servizo de recollida de residuos a URBASER!

109

Ante a solicitude de cesión do servizo de recollida de RSU presentada pola empresa RECOLTE a favor da empresa URBASER nos concellos de Ribeira, Padrón, Marín e na Mancomunidade do Morrazo (concellos de Moaña, Bueu e Cangas), desde a Central Unitaria de Traballadoras denunciamos públicamente o que entendemos é unha fraude nas regras de xogo da adxudicación de contratos públicos.

é unha fraude nas regras de xogo da adxudicación de contratos públicos

Os concellos mencionados xa tiveron a experiencia de ter adxudicado a xestión do servizo á empresa URBASER. Desde a nosa perspectiva esta experiencia non foi boa, nin para os concellos afectados nin para o persoal contratado: lembremos os conflitos laborais e tamén as denuncias das propias institucións públicas polas deficiencias na xestión do servizo.

Non parece de recibo que logo de perder a concesión, despois de acumular distintos conflitos, tanto cos traballadores/as como cos clientes, URBASER poida entrar pola porta de atrás sen someterse a concurso público, e menos aínda que a empresa saínte impoña dalgún xeito o nome de quen a vai substituir no tempo que resta da concesión.

Formalizan o chamado “contrato varios”, un contrato laboral onde non figura un centro de traballo de referencia, polo que a persoa contratada pode ser trasladada dun concello a outro ou mesmo pode exercer a súa xornada laboral diaria en varios concellos distintos

Desde a CUT compartimos as reticencias manifestadas polas corporacións respectivas sobre a empresa URBASER, coa que non tiveron boas experiencias. Lembremos por exemplo a Mancomunidade do Morrazo, onde o abandono do servizo rematou ante os xulgados.

É importante ter en conta a conflitividade que mantén URBASER na provincia de Pontevedra pola súa política de contratación e xestión dos servizos. Formalizan o chamado contrato varios”, un contrato laboral onde non figura un centro de traballo de referencia, polo que a persoa contratada pode ser trasladada dun concello a outro ou mesmo pode exercer a súa xornada laboral diaria en varios concellos distintos.

¿Que consegue Urbaser con este sistema de contratación?:

  • Abaratar salarios e así incrementar o seu beneficio económico.
  • Compartir persoal laboral e maquinaria entre varios concellos, o que merma a calidade do servizo pero mellora os ingresos da empresa.

Para a CUT estas cuestións deberían facer pensar sobre o modelo de privatización dos servizos públicos. Deberían reforzar a necesidade de contar con servizos municipalizados estables, fuxindo destas privatizacións nas que as empresas só procuran o seu beneficio, mentres que son os concellos ou mancomunidades as responsables de garantir unha boa xestión dos servizos.