25 de Novembro, pola memoria das Mariposas e contra as violencias machistas do estado

275

O Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero enche titulares, bocas e petos mentres que dende os diversos despachos de Moncloa e San Caetano se artellan políticas patriarcais, racistas e neoliberais que destrúen as vidas das mulleres. A lei de estranxeiría, a privatización da sanidade, os recortes na lei de dependencia, os ansiolíticos como caramelos, o réxime especial das traballadoras do fogar, a patoloxización dos nosos corpos, identidades e orientacións sexuais constitúen algunhas das amplas e diversas violencias dirixidas contra nós.  Denunciamos a hipocresía e as violencias machistas do Estado porque o feminismo non é unha carouta.

Dentro de dous meses, tres compañeiras da CUT acudirán aos xulgados pola súa actividade sindical na última folga do 8 de marzo. As propostas de sancións que recibimos da Subdelegación do Goberno, amparadas polo discurso da Policía Nacional, evidencian de que o feminismo cando é loita fai dano. Ou camiñamos en manifestacións como nunha procesión (e non levemos unha vulva xigante nos nosos ombros!) ou somos unhas vándalas. Soñamos con empapar ao patrón cos produtos de limpeza que nos provocan dermatite e asma de tanto contacto no traballo e non imos agochalo. Tampouco seremos as que esquezamos quen morreu o 25 de novembro de 1960.

Por Minerva.

Por Patria

Por María Teresa

O 25N é das Dominicanas antifascistas

Ante o auxe dos fascismos cómpre ter presente o que sucedeu aquel 25 de novembro. Minerva Mirabal encabezaba a loita do Movemento Revolucionario 14 de xuño da República Dominicana contra a ditadura de Trujillo e xunto a ela, as outras dúas Mariposas: as súas irmás Patria e María Teresa.

Denunciamos a hipocresía e as violencias machistas do Estado porque o feminismo non é unha carouta.

As tres foron perseguidas, encarceradas, violadas e torturadas pola súa loita. A ditadura de Trujillo, que vía nelas un obstáculo e ordenou facelas desaparecer. Foron asasinadas o 25 de novembro de 1960. Os fascistas non contaban con que o asasinato das irmás Mirabal se convertese nun motor multiplicador da loita. O pobo dominicano abandonou o medo, ergueuse e o ditador foi asasinado o 30 de maio do ano seguinte. O 25 de novembro é unha data do feminismo antifascista, das compañeiras que loitan en Bolivia, do feminismo negro, do feminismo que voa, das compañeiras que batallan en Chile, do feminismo decolonial, do feminismo que combate, do feminismo integrado por irmás, das compañeiras que loitan en Haití, das compañeiras que están colocando a vida propia para defender unha vida digna para todas. Todas con dereitos, ningunha con medo. Hoxe e sempre, para todas, todo.