Con Evo: contra o golpe de estado en Bolivia

87

Despois de dúas semanas de disturbios no Estado Plurinacional de Bolivia, onte consumouse un golpe de estado contra o goberno lexítimo de Evo Morales. Un goberno progresista que acababa de ser revalidado nunhas eleccións celebradas apenas hai quince días.

Habería que contextualizar o por que desta nova fazaña de sectores da burguesía boliviana e do exército, aínda que en realidade é máis que evidente que se trata dun deseño ad hoc do imperialismo americano, seguindo o manual que noutrora foi utilizado para acosar e intentar derrubar o goberno bolivariano de Venezuela.

Este suceso non é alleo ao proceso convulso que vive case a totalidade de Latinoamérica: a revolta social en Chile, a de Ecuador, a caída de Macri na Arxentina e a posta en liberdade de Lula no Brasil. Todos eses fitos representan a expresión clara e patente da loita a morte entre a receita neoliberal imposta polo imperialismo fronte a visión progresista e patriótica que existe e toma forza en toda Latinoamérica.

A burguesía boliviana non lle perdoa a Evo Morales que sexa indio indíxena. Non lle perdoou a nacionalización dos hidrocarburos, nin tampouco o proceso de empoderamento dos pobos orixinarios, nin a incorporación masiva da muller campesiña á xestión política e social.

A preparación do golpe vén do mesmo día (hai catorce anos) en que Evo Morales, aglutinando ao Movemento Sindical Cocalero, o MAS e a unha morea de movementos sociais e indixenistas, gaña as eleccións á presidencia de Bolivia. Golpe como obxectivo do imperialismo, acrecentado coas primeiras medidas do goberno de Evo Morales en favor dos e das pobres da súa Patria.

Para o imperialismo, non só dos EUA, o estado plurinacional de Bolivia, non é só un bastión a combater polo seu significado político e ideolóxico para Latinoamérica. Desde o punto de vista xeoestratéxico e xeopolítico, Bolivia é un espazo imprescindible para a política de rapina das transnacionais, non só polos hidrocarburos da área de Santa Cruz, senón polas súas extensas reservas mineiras de estaño, cobre, zinc, ouro, prata ou coltán.

Se a preparación do golpe de estado vén de atrás, non é menos certo que a concreción deste, utilizando a partitura ensaiada en Venezuela, fíxose aproveitando o recente proceso electoral. Nesta ringleira habería que sinalar aos medios e axencias de prensa como a arma fundamental á hora de fabricar o relato groseiro e mentireiro da “fraude electoral” e, sobre todo, á hora de facer chamados á sublevación.

Finalmente, os sectores burgueses tradicionais desprazados polo goberno popular de Evo foron quen de financiar e mesmo armar aos escuadróns de sicarios para facer prender e espallar os actos vandálicos e de asasinato onde poñer o foco mediático para vender fóra de Bolivia.

Desde a CUT condenamos taxantemente o golpe de estado en Bolivia. Denunciamos a acción imperialista no mesmo e manifestamos a nosa máis calurosa solidariedade co pobo de Bolivia e co proceso histórico encabezado polo compañeiro Evo Morales.