Camiño na historia

O XORNAL | Información Obreira | nº especial 20 anos | Setembro 2019

86

Cumpre o noso sindicato vinte anos de vida neste 2019 e reactivamos por mor desta celebración a actividade do Xornal. Facemos un alto no camiño para botar a vista atrás, para lembrar que somos porque foron, para poñerlle palabras ás razóns e ao contexto polo que nacemos e tamén para que algunhas das que por alí andaban nos conten desde a óptica da súa memoria como se sucederon os acontecementos. Repasamos as orixes da CUT, ancoradas nese mar radical, como nós as avaliamos; e falan daquel momento Aníbal, Primitivo e Antón, porque foron testemuñas e teñen palabra.

Percorremos despois o que foi neste tempo o noso camiño na historia. Unha sucesión de fitos e datas, de crises, avances, contradicións, dialécticas, erros e acertos. Seis Congresos e sete Conferencias Nacionais, no que atinxe ao repregamento ou á reflexión interna que fixemos e faremos nos salóns, e sempre, sempre, a volta ás rúas, á realidade opresora, explotadora, inxusta e desigual que intentamos transformar a través da acción directa, do combate, da folga e das mobilizacións; no asfalto, nos centros de traballo ou nos mesmos pazos de inverno, en alianza permanente e honesta cos movementos sociais. Porque somos ferramenta e temos obxectivos claros como sindicato galego de clase.

e sempre, sempre, a volta ás rúas, á realidade opresora, explotadora, inxusta e desigual que intentamos transformar a través da acción directa, do combate, da folga e das mobilizacións; no asfalto, nos centros de traballo ou nos mesmos pazos de inverno, en alianza permanente e honesta cos movementos sociais

Escoitamos tamén atentamente a voz das mulleres, a(r)madas sindicalistas, porque somos elas. Atravesar de feminismo a organización patricarcal que aínda somos é urxente e necesario, e niso estamos. A secretaría das mulleres, con só dez anos de existencia, é xa motor da nosa Central: se elas paran, para o mundo (e non é unha frase feita).

E o carácter internacionalista e solidario do noso sindicato evidénciase cando revisamos o que foi o devir da CUT no escenario sindical internacional, onde a posición que tomamos e con quen tamén nos define. Porque as loitas son comúns, as agresións semellantes e a solidariedade e a unión imprescindibles para conseguir bater con forza contra este sistema que queremos tombar, para dar paso a unha realidade que nos permita vivir como traballadoras unha vida digna, con respecto pola nosa lingua propia e soberanía plena sobre o noso territorio, que reivindicamos para todos os pobos.

Agardamos que ese alto para mirar cara a atrás sexa útil; facer memoria para encarar o presente, pouco esperanzador, e conquistar o futuro. Porque imos facendo camiño na historia e temos a certeza rebelde, combativa e alegre de que a victoria será nosa.

Premede aquí para acceder! Temos a edición en papel a disposición nos locais comarcais.