Abel Caballero: a nós non nos cega a luz

208

O Alcalde de Vigo, Abel Caballero, é un mentiroso compulsivo. Unha vez máis pretende facernos pasar por parvos dicindo que recorrer a sentenza do xulgado contencioso de Vigo non é unha decisión política senón xurídica. Imos por partes.

O 6 de febreiro, o goberno de Abel Caballero aproba o decreto que suspendía os descansos do persoal e obrigaba aos bombeiros a realizar horas extra. Esta foi a decisión política que adoptou o goberno municipal para cubrir os mínimos de persoal esixidos. Podía ter tomado outras decisións políticas, como incrementar a plantilla de traballadores, pero non, porque a súa política é prender luces para cegarnos, e as facturas páganse recortando servizos públicos.

Desde a CUT preguntámonos como foi que aquí a asesoría xurídica do Concello non estudou o alcance do decreto e a súa posíble vulneración de dereitos fundamentais. Non o fixo porque foi unha decisión política.

O xulgado de Vigo mencionado anula este decreto aclarando na sentenza que:

  • Vulnera o Estatuto Básico do Empregado público e a Lei de Emprego Público
  • Vulnera a Directiva Europea do tempo de traballo
  • Vulnera a Lei de Prevención de Riscos Laborais indo contra o informe dos mesmos técnicos do Concello
  • Vulnera a normativa interna do Concello
  • Vulnera o Estatuto das Traballadoras
  • Vulnera o principio constitucional do dereito ao descanso

Que os servizos xurídicos do Concello de Vigo estean a estudar recorrer esta sentenza implica que:

  • O goberno do Concello ordeou que busquen como recorrelo para poder seguir explotando aos traballadores, e isto é unha decisión política.
  • O goberno do Concello fai oídos xordos á contundencia da sentenza sen escrúpulos. Prefiren seguir explotando aos traballadores para non ter que investir nos servizos públicos.

O Alcalde Abel Caballero é o responsable directo desta explotación, el é quen toma as decisións (todas) neste goberno de palmeiros e polo tanto a súa decisión política é buscar calquera posibilidade legal para non mudar a súa política, demorar as cousas no tempo e, se saen mal, dirá que el nada tivo que ver, que foron os servizos xurídicos. Seica a asesoría xurídica é totalmente independente e non recibe ordes de ninguén.

Caballero, é vostede un mentiroso. A nós non nos cega a luz.

Sección Sindical Bombeiros de Vigo