Preocupación polo futuro do sector do automóbil

204
Presentación do novo todocamiño de PSA, o Peugeot 2008

Na xuntanza celebrada pola Coordinadora do sector da automoción da CUT participaron representantes dos diferentes centros de traballo onde o sindicato ten presenza, PSA, COPO, FAURECIA, MAVIVA, ZF, DENSO, etc.

As delegadas/os alí reunidas analizaron a situación do sector da automoción facendo especial fincapé na  deslocalización de traballos cara Portugal ou Marrocos e na precarización e empobrecemento que o director de PSA anunciou para o sector.

As graves e inxustificadas verbas de Ignacio Bueno, Director do Centro de PSA, xeraron unha repulsa unánime de todos os sindicatos con representación na fábrica. Xerouse tamén un profundo malestar e preocupación nas empresas auxiliares, moitas inmersas en negociacións de Convenio Colectivo. Negociacións, que parece ser, estanse a levar a cabo baixo a ameza da empresa principal de diminuír ou incluso retirar a carga de traballo se non se reducen os costes laborais.

A CUT entende, que a pesar das boas previsións de carga de traballo, que onte venderon patronal e políticos na festa de presentación do novo todo-camiño (Peugeot 2008), estamos ante unha etapa decisiva para o futuro do sector.

As negociacións estanse a levar a cabo baixo a ameza da empresa principal de diminuír ou incluso retirar a carga de traballo se non se reducen os costes laborais

Esas boas previsións, neste caso, traen aparellados flexibilidade, precariedade e empobrecemento das traballadoras/es de automoción.

Nesta xuntanza da coordinadora do automóbil da CUT, acordouse por unanimidade a creación dunha mesa do sector da automoción para analizar e dar resposta aos novos retos do sector, así como ás políticas de precarización desenvolvidas pola patronal.

Da creación desta mesa deben formar parte tódalas organizacións sindicais, con presenza no sector, de cara a garantir o futuro para a industria do motor e para os milleiros de homes e mulleres que traballan na automoción.