XX anos, no camiño da historia

112

Hai vinte anos, homes e mulleres claras e determinadas na conciencia de clase, puñan en pé o proxecto sindical que hoxe coñecemos como CUT. Desde entón o camiño da historia continuou o seu andar paseniño e ao tempo desbocado. O neoliberalismo entrou nos poros da clase traballadora, a conciencia de clase ficou no leito dos sonos e da nostalxia, a política mudou nun teatro de mala calidade e o “gran sindicalismo” reduciuse á competición de quen é máis grande, quizais porque todo ten unha tradución económica.

Neste tempo, o noso sindicato seguiu insistindo nos seus valores fundamentais, destacando por riba de calquera deles o compromiso para ser libres. E foi nese compromiso onde moitas das veces topamos as sorpresas máis abraiantes entre outros que dicían defender á clase traballadora, sorpresas que confirmaron que fundar a CUT foi un acerto.

A CUT segue camiñando porque mantén prendido o facho da memoria, porque non renuncia ao seu pasado e pretende non esquecelo. Nós non queremos ser grandes para bater marcas, nós queremos medrar para queimar o leito da conciencia de clase. Seguimos camiñando.

Ricardo Castro Buerger

Secretario Xeral