O desmantelamento da CRTVG

82

O comité intercentros da CRTVG denuncia que a nova programación de outono da televisión e a radio agrava a deterioración deste servizo público esencial

Os representantes do persoal demandan o comprometido aumento da produción propia e esixen control por parte da dirección sobre producións externas que atentan contra os principios básicos que deben guiar a programación das canles públicas

O comité intercentros da CRTVG considera que a nova programación de outono da televisión e a radio públicas que vén de presentar a dirección agrava aínda máis se cadra a deterioración do servizo público que os representantes dos traballadores e traballadoras veñen tempo denunciando. O comité cualifica esta programación de continuista, xa que insiste en externalizar a grella, non incrementa a produción propia que a empresa anunciara durante as últimas mobilizacións do persoal e non reforza nin os servizos informativos nin a cobertura da información local de proximidade.

A representación sindical lamenta que moitos dos espazos que a CRTVG subcontrata a produtoras externas vulneren o estándar de calidade e os principios básicos que deben rexer a programación nos medios públicos e esixen un maior control sobre esas producións a través da figura do produtor delegado para evitar casos, como o acontecido recentemente, no que unha empresa audiovisual que traballa para TVG publicaba un anuncio en español nas redes sociais solicitando unha familia para participar no programa coa “mamá sexy, guapa e preocupada pola súa imaxe”.

Para o comité intercentros non resulta tolerable tampouco que a dirección considere de servizo público ofrecer na TVG un programa especial, que se emitiu o 29 de agosto, polo nacemento da filla dunha artista que colabora no espazo Land Rober.

Igualmente, o comité condena a ausencia na grella da TVG dos novos programas de produción propia que foran anunciados pola dirección durante as últimas mobilizacións que celebrou o persoal da CRTVG en novembro e decembro do ano pasado en defensa do servizo público. Nunha comisión paritaria de produción propia que se creara logo do conflito, os responsables da programación da canle comprometeran a realización e a emisión dun programa sobre Os Castros, outro diario dirixido á infancia e un terceiro “late night” semanal que non figuran agora na grella.

O Intercentros relaciona esta deterioración do servizo público e da programación da TVG e da RG coa política de asfixia da contratación e a ausencia de negociación sobre a estrutura do cadro de persoal e o dimensionamento de todos os centros de traballo, que cada día contan con menos efectivos ao negarse a empresa a cubrir as vacantes existentes e a realizar contratacións para substituir aos traballadores e traballadoras que se ausentan por vacacións, asuntos particulares, maternidades, paternidades, incapacidades temporais ou licenzas de calquera tipo.