A CUT reafírmase en URBASER Redondela con relevo

228

Alberto Covelo, responsable de Acción Sindical da CUT, vén de dar o relevo como delegado de persoal de URBASER Redondela ao seu compañeiro Manuel Iglesias, que foi elixido maioritariamente polo persoal con dereito a voto neste centro nas eleccións que se celebraron o pasado 24 de xuño. O candidato da CUT impúxose por 10 votos á candidatura da empresa, da UXT, que conseguiu 5. E non temos medo a dicir a verdade porque non lle temos medo á verdade.

Dende as seccións sindicais da CUT en URBASER ( Redondela, Tomiño, Vilaboa, Moaña, Varios Pontevedra e Varios Selectiva) queremos parabenizar e sobre todo agradecerlle o voto aos 10 compañeiros que depositaron na urna a papeleta da CUT sen medo e con responsablidade.

Asemblea da veciñanza de Redondela convocada pola CUT URBASER para socializar o conflito laboral

Gañamos: gañamos os traballadores. Xa antes perderamos; xa antes convocamos folgas e convocamos concentracións; falamos cos actores sociais, falamos nas asembleas sobre correlación de forzas, sobre solidariedade, sobre loita de clases; xa antes fomos acusados de ideoloxizados e xa despois fomos abandonados, por que a nosa proposta non é sempre cómoda; xa tivemos dúbidas, xa manexamos certezas; xa fomos quen e xa non fomos ninguén; xa derrubamos mil veces os discursos da patronal, en boca dos seus séquitos; xa denunciamos á empresa, xa chegamos a acordos, xa asinamos máis convenios que ninguén nesta empresa e ata xa se esqueceron os compañeiros e xa llelo recordamos; xa fixemos asembleas no vestiario, nas escaleiras, na porta, fóra da empresa; xa organizamos xantares, xa viñeron todos, xa ficamos sós e xa volveron. Xa volveu a empresa a presentar candidato. Xa volvemos gañar.

E despois de gañar moito e pouco, de perder tanto e nada, despois de ter dado sen ningunha idea de recibir, sen máis interese que o colectivo, podemos dicir que imos  seguir; imos seguir porque seguimos tendo gañas, forza, determinación e o sorriso. E algún día veremos a vitoria final. E se non a vemos, seguiremos tendo cara onde camiñar.