Loita contra a represión en Xixón

66

O pasado 20 de xuño a CUT participou nunha xornada de loita contra a represión en Xixón, á que fomos convidadas pola CSI de Asturies. Xunto á CUT estiveron LAB e ESK de Euskadi e IAC de Catalunya. Tanto o SAT andaluz, como a CUT de Aragón e a Intersindical Valenciana enviaron o seu apoio solidario.

Durante a xornada da mañá fixemos unha caravana con paradas e concentracións diante dos centros de traballo onde están a represaliar a compañeiros e compañeiras sindicalistas.

 

Xa na tarde celebramos unha manifestación polas rúas de Xixón. En nome das organizacións do Estado falou o noso Secretario Xeral, Ricardo Castro, quen  incidiu na “necesidade da loita solidaria, atrevida e internacionalista” e fixo fincapé na situación actual de parálise na loita motivada pola reconstrución do sistema por medio da represión, do fortalecemento do sindicalismo ao servizo dos intereses do capital (CCOO e UGT) e a utilización da chamada “nova política” para sacar á clase traballadora da rúa.

Rematou Ricardo Castro incidindo na conciencia de clase como elemento de resistencia e coa mensaxe de que, ante a súa represión, haberá reacción contundente pola nosa parte.