Compañeiras de CIG-Industria Vigo: a dirección non pode votar nas eleccións sindicais

620

A Central Unitaria de Traballadoras quere lembrarlle á CIG, e en particular a CIG-Industria da comarca de Vigo, que o persoal vinculado ás empresas cunha relación de alta dirección non pode, afortunadamente (era o que nos faltaba!), formar parte do censo electoral para as eleccións sindicais.  É dicir, non poden, baxo ningunha circunstancia, votar para interferir (con intereses que nada teñen que ver cos das persoas obreiras) na conformación dos comités de empresa ou na elección dos e das delegadas de persoal.

Esta exclusión do censo afecta tamén no suposto de que, mesmo non existindo un contrato de alta dirección, unha persoa desenvolva as funcións que son propias de dita modalidade contractual.

E lembramos esta cuestión básica porque hoxe mesmo, o responsable de CIG-Industria da comarca de Vigo posicionouse en contra deste principio normativo e a carón dos intereses empresariais nun laudo solicitado pola CUT en Copo Ibérica. A nosa sección sindical solicitaba excluir do censo ao xerente desta auxiliar, á directora de recursos humanos e a once persoas máis con mando, responsabilidade e poder de representación en Copo.

Compañeiras da CIG: non todo vale. Se estades coa alta dirección, non estades coas traballadoras. Que está a pasar coa CIG en Copo Ibérica que quere que voten o xerente e demais directivos?