Grupo Norte Incumpre coa lexislación básica en materia de igualdade

174

Grupo Norte ven de ser sancionado pola inspección de traballo por non cumprir coa normativa básica en materia de igualdade ao non ter elaborado o plan de igualdade de oportunidades que esixe a lei. Esta lexislación data do 2007 polo que a empresa tivo tempo suficiente para adaptarse ao seu cumprimento. Este desinterese demostra a falta de implicación por parte do Grupo Norte á hora tomar medidas tendentes á acadar a igualdade de trato e oportunidades entre homes e mulleres e a eliminar a discriminación por razón de sexo.

A inspección provincial sancionou á empresa por cometer unha falta moi grave en materia de relacións laborais con unha cantidade que pode oscilar entre os 6.000 e os 187.000 €.

Esta empresa ven de ter un conflito coas limpadoras que prestan servizos na Xunta pola fenda salarial existente entre mulleres e homes; con categorías profesionais máis elevadas e complementos polo desempeño das súas funcións aos que non teñen acceso as súas compañeiras.

Aínda despois de ser requirida pola inspección para a elaboración do plan, a empresa aínda non se puxo en contacto coa representación das  traballadoras para tentar de facer un diagnóstico real da súa situación. Grupo Norte non quere abrir a porta a que participemos da súa elaboración para que as medidas que se establezan poidan ser efectivas, prefire elaborar un plan de xeito unilateral, que se axuste ó cumprimento da norma e non afonde nos verdadeiros problemas das traballadoras.