10 de Marzo: semántica de vencer

101

A historiografía española tende a manipular a semántica, ademais da propia historia. Chamoulle transición á restauración borbónica e novo bipartidismo do ano 78; chamoulle monarquía parlamentaria a unha xefatura de estado elixida polo ditador; chamoulle bandeira constitucional á bandeira franquista da que sacaron o aguilucho; chamoulle reconciliación ao esquecemento das vítimas e amnistía dos asasinos; chamoulle tardo-franquismo e aperturismo a eses inicios dos anos 70 cando mataron a Moncho Reboiras, a Humberto Baena, a Sánchez Bravo… cando mataron a Daniel e Amador.

Na CUT chamamos as cousas polo seu nome e aqueles anos foron anos de fascismo, e o que eles chaman transición non é outra cousa que lavarlle a cara á ditadura para seguir dominando os mesmos, para seguir oprimindo á clase traballadora.

Daniel e Amador morreron defendendo os nosos dereitos, morreron loitando contra a opresión do capital, opresión que pode tomar moi diferentes camiños: de xénero, nacional, colonial, imperialista, económica… Daniel e Amador morreron para que nós os levemos nas nosas mans e na nosa dialéctica. As mulleres e homes da clase traballadora galega somos Amador e somos Daniel na disputa do convenio colectivo, na solidariedade, na esixencia de igualdade, na fraternidade, na folga, no piquete, no desaufiuzamento, na ocupación, na camaradería, no conflito… Somos Amador e Daniel cando o imperialismo invade Venezuela, cando inxire na política de América Latina, no continente africano, cando a UE europea condena a morte aos inmigrantes no mar…

A clase traballadora galega é Amador e Daniel porque somos pobo, porque temos conciencia de clase.

Este 10 de marzo estaremos nas rúas defendo a nosa historia e o valor das nosas palabras, as mesmas que sempre estarán atadas á realidade e á “lingua proletaria do meu pobo”.

10 de marzo de 2019, en Daniel e Amador