A CUT, o Sindicato Labrego e o Sindicato Ferroviario convocan folga de 24 horas para o vindeiro 8 de Marzo só para mulleres

178

A Central Unitaria de Traballadoras, O Sindicato Labrego Galego e o Sindicato Ferroviario-Intersindical rexistraron onte na Consellería de Traballo da Xunta de Galicia o preaviso de convocatoria de folga de 24 horas para o vindeiro 8 de marzo, tal e como fixeran as tres organizacións sindicais o ano pasado seguindo o mandato dos movementos feministas.

A novidade da convocatoria de folga deste ano radica en que, por primeira vez, diríxese exclusivamente a “todas as mulleres traballadoras de Galiza”, deixando a porta aberta ademais a que se sumen “todas aquelas persoas que estean sometidas ás diferentes violencias patricarcais como reacción ao seu xénero”. A folga de mulleres realizarase no plano laboral, estudantil, de coidados e de consumo.

A Secretaría das Mulleres da CUT iniciará nos días vindeiros unha campaña de mobilización desta folga que, baixo o lema “Todas con dereitos, ningunha con medo”, intentará achegarlles a todas as galegas a importancia de secundar ou apoiar este paro que quere “evidenciar que, se as mulleres paran, a vida para; así como visibilizar o poder das mulleres sobre o sistema e unilas en combate contra todas as violencias machistas e capitalistas”.