2019: a CUT no seu XX aniversario

135

No VI Congreso da CUT, celebrado en outubro de 2017, aprobamos documentos político sindicais e documentos organizativos. En ambos os dous casos marcamos como obxectivo principal fortelecer a ferramenta sindical para avanzar na conquista de dereitos, dando por pechada a fase da resistencia. Acordamos que xa non chegaba con ser homes e mulleres rebeldes ao estilo de Albert Camus, nós queremos máis: aspiramos a inverter a pirámide, aspiramos a ser suxeitos de poder popular.

Durante o ano 2018 fomos deseñando, con erros e acertos, a orde xerárquica do principal e do secundario, pero sempre pendurándoo todo na trabe mestra: a CUT como sindicato galego e de clase. Se algo pon en dúbida isto, entón non vale.


Novo logotipo da CUT

Arrancamos agora este 2019 cunha nova imaxe do sindicato, unha identidade actualizada ao contexto e con perspectiva de futuro; e a esta imaxe engadímoslle outra en homenaxe aos vinte anos de historia que contemplan á CUT. Homenaxe esta que non é a unhas siglas, senón ás mulleres e aos homes que arrancaron este proxecto e o trouxeron ata nós cun esforzo descomunal, pelexando con alegría contra o noso inimigo natural, que é o capital, e tamén tendo que enfrontarse con tristeza a quen debía formar parte do noso bando pero por sectarismos ou conformismo opta por outra vía; ou o que é aínda peor, enfrontándonos ás veces con incomprensións egoístas na nosa propia casa. E, a pesar de todo, somos, movémonos.

Cruño conmemorativo XX aniversario

Estes cambios non son exclusivamente estéticos, levan impícita unha clara mensaxe: a CUT segue no camiño (e seguirá ata que se dean as condicións precisas para a construción dunha central única galega), a CUT adapta a súa imaxe á nova realidade da clase traballadora galega na que está por construir a nova definición do proletariado; andamos na procura da definición que acubille ás persoas precarias, ao traballo na caverna de Platón (telemarketing), a aquelas persoas obrigadas a ser falsas autónomas para aumentar así a plusvalía do capitalista mentres somos nós mesmas as encargadas de explotarnos converténdonos á escravitude voluntaria. Estamos no cumio da alienación mentres afogamos no consumo para construir un falso eu. En definitiva, a nova imaxe é aberta para ser receptiva, para que sexa de todas nós, e dicimos todas para facer énfase no que somos, persoas da mesma clase.

Mudamos a imaxe para seguir no camiño que comezamos hai vinte anos de crear unha organización de masas, e aos poucos imos avanzando afianzándonos onde xa estabamos e entrando en sectores que estaban vedados hai ben pouco. Mudamos a imaxe para seguir sendo nós e para que vós tamén sexades nós.

Ao longo deste ano iremos facendo actos para conmemorar este XX Aniversario dos que, polo de agora, só imos desvelar a elaboración dun número especial de O Xornal que terá colaboracións e contidos ben interesantes.


Novo logo Secretaría das Mulleres

Comezamos este ano novo con cambios, e será un ano de eleccións sindicais nos que imos entrar en novos sectores que van requerir un maior esforzo de todos e todas nós: comprensión, traballo, estudo, solidariedade, apoio, arroupe…, tecer rede, facer clase e país. Temos ante nós unha etapa de traballo e de ilusión e, sobre todo, de tranquilidade ao saber que contamos cunha estrutura forte que levantaron homes e mulleres aló polo 1999 e que non imos deixar esmorecer os que agora estamos, porque en nós está a memoria e o respecto polo feito. E con memoria e respecto afrontamos tamén os novos retos de fortalecer o feminismo combativo e de clase, artellar unha acción sindical efectiva nos sectores máis precarizados, crear novas seccións sindicais coma a das persoas traballadoras do sexo, poñer o noso gran de area na unidade dos movementos sociais de cara a unha unidade popular de base e non meramente electoral…, e moitos outros obxectivos.

Cada vez somos máis e entendemos mellor que debemos empurrar cara o mesmo lado para voltear a pirámide e, parafraseando quel verso de Cordal que dicía “todo flúe, a folga permanece”, nós dicimos “nós influímos, o capital desvanece”.

Ricardo Castro Buerger, Secretario Xeral da CUT