A CUT irrompe con forza nos servizos centráis da Xunta

407

A CUT entra con forza no comité de empresa de todas as consellerías dos servizos centrais da Xunta de Galiza tralas eleccións para o persoal laboral celebradas en San Caetano e San Lázaro. A candidatura da CUT ao colexio de Técnicos e Administrativos, malia ser a primeira vez que optaba a ese comité, obtivo 3 delegadas, as mesmas que a CIG e o CSIF, e por riba da UXT, que obtivo 2 representantes, nun proceso no que CCOO logrou 5 electos nese colexio conformado por 16 delegados e delegadas.

O resto do comité de empresa está composto por cinco representantes de Especialistas e non Cualificados, ao que non concorreu a CUT, pero que tamén obtivo representación por primeira vez fronte ao sindicalismo acomodado unha nova agrupación independente, ACIVRO.

Con estes datos, o comité de 21 representantes en ámbolos colexios do Comité de Empresa de Servizos Centrais da Xunta de Galiza queda do xeito seguinte: CCOO 6, CSIF 4, CIG 4, CUT 3, UXT 3, ACIVRO 1

Parabéns a todas as compañeiras e compañeiros que asumiron o compromiso de defender os lexítimos intereses do conxunto do persoal laboral no corazón da Xunta, e a quen deu o seu apoio da nosa candidatura a prol dos traballadores e traballadoras públicas que levan moitos anos asumindo o esforzo individual de atender os servizos que pagamos toda a cidadanía, malia a falta de recoñecemento e ás agresións permanentes e inxustificadas dunha patronal que, como administración pública, debía ser un exemplo de relacións laborais e non de irregularidades, conflitividade e explotación.

Nada pode agardar a sociedade dunha Administración que maltrata mesmo ao persoal que a representa. A CUT tampouco o vai permitir, por moita Administración pública que sexa.