25N, construir unha loita para todas

210

25N, construir unha loita para todas

Chamábanse Patria, Minerva e María Teresa Mirabal. Naceron na República Dominicana, no concello de Salcedo, onde a principal actividade económica é a agricultura. Sumáronse á loita contra a ditadura de Trujillo no Movemento Revolucionario 14 de xuño no que eran coñecidas como Las Mariposas, o nome clave que Minerva utilizaba nas súas comunicacións políticas.

Foron perseguidas, encarceradas, violadas e torturadas pola súa loita.  A ditadura de Trujillo, que vía nelas un obstáculo, ordenou facelas desaparecer. Foron asasinadas o 25 de novembro de 1960. Os fascistas non contaban con que o asasinato das irmás Mirabal se convertese nun motor multiplicador da loita. O pobo dominicano abandonou o medo, ergueuse e o ditador foi asasinado o 30 de maio do ano seguinte.

É imposible que o 25 de novembro sexa un día contra unha única idea de violencia machista senón que debe recollelas todas. Para a Secretaría das Mulleres da CUT este é o díacontra a lei de Estranxeiría, contra todas as violencias sexuais, contra o sistema penitenciario e as violencias machistas específicas que sofren as mulleres presas, contra a invisibilización e vulnerabilización das mulleres con discapacidades, contra a colonización, contra a sobremedicación, contra todo o que lle nega ás prostitutas a súa voz e o ser  suxeitas políticas, contra a patoloxización das identidades trans, contra a desvalorización dos coidados, contra a anulación das tolas e as neurodiversas, contra a precarización e rexeitamento social dos traballos feminizados, contra a exclusión da diversidades sexuais, contra o silenciamento das mulleres, contra todo o que nos conduce inevitablemente cara a pobreza, a marxinalidade e nos envolve nunha lama da que só podemos saír xuntas e da man.

A ONU pode reclamar o 25N como Día Internacional da Violencia contra a Muller pero nós sabemos que nin existe unha única violencia machista nin unha forma única de ser muller.
O 25N é unha data de loita que iniciaron os feminismos de América do Sur en conmemoración á Las Mariposas polo que debe ser decolonial, de recoñecemento de privilexios e de cese da universalización dos problemas visibilizados polo feminismo hexemónico.

Non é un día para destacar a loita contra o teito de cristal que sofren as mulleres máis adiñeiradas senón de nomear todas as violencias dirixidas cara as mulleres que sosteñen o mundo e ás que lles son usurpados os seus dereitos máis básicos. Cómpre tecer un 25N dende a resistencia das disidentes do sistema capitalista e heteropatriarcal.

Acudamos as mobilizacións e actos realizados este día construíndo por e para todas, dando a voz e o corpo ás compañeiras ás que, día tras día, llo rouban todo. Loitamos para que vivamos todas e non só a maioría de nós e, se alguén toca ás disidentes, que estoure a revolución.