2ª Xornada prostitución e traballo sexual: perspectivas para un debate sindical

119

As preguntas, dúbidas, inquedanzas e incertidumes forman parte de todo proceso de decisión. A CUT terá este vindeiro venres 9 de novembro a segunda xornada sobre prostitución e traballo sexual na que afondará sobre as posturas pro-abolicionistas e pro-despenalización da man das perspectivas e experiencias do Programa Vagalume e de Amnistía Internacional. Resulta esencial coñecer a diversidade de olladas non só para enriquecer os nosos argumentos senón tamén para mellorar o entendemento mutuo.

Temos presente que este non é un debate filosófico, nin que trate de incidir no lexislativo, senón que se trata dun debate sindical. Isto, entre outas cousas, significa que debe perseguir o ben colectivo.

Esta segunda xornada terá lugar o venres próximo ás 17.00 en Compostela, na Casa Xohana Torres, baixo o título “Prostitución e traballo sexual: perspectivas cara un debate sindical”.

Como se inicia este debate sindical na CUT?

Dentro da Intersindical Alternativa de Catalunya (IAC) creouse o 23 de xuño a primeira sección sindical estatal que agrupa a traballadoras sexuais para reclamar os seus dereitos sexuais baixo o lema ‘o traballo sexual é traballo’.

A IAC convidounos  a unha xornada interna en Barcelona á que asistimos os sindicatos irmás e na que coñecimos o proceso que viviron de primeira man e escoitamos ás traballadoras sexuais organizadas na Unión Sindical de Trabajo Sexual (USTS) dentro da IAC. A raíz desta experiencia, abrimos –nós e máis sindicatos irmás como é o LAB, por exemplo- un proceso de debate e reflexión arredor do traballo sexual  e o papel que debe desenvolver o sindicalismo combativo, feminista e anticapitalista.

O primeiro paso que demos como sindicato foi a de realizar unha xornada na que todas e todos puidesemos escoitar ás integrantes da Unión Sindical de Traballo Sexual (USTS) dentro da IAC.

Síntese da primeira xornada sobre traballo sexual: a escoita

A esta xornada asistiron dúas integrantes da USTS, Paula Ezkerra e Kenia García. Ambas explicaron que a súa postura é a despenalización –que non é o mesmo que regulación- do traballo sexual para ser tratadas como outras traballadoras. Sosteñen que a prostitución non se erradica a través de medidas que lles implican máis inseguridade a elas senón a través da erradicación da pobreza. Critican que as medidas que se centran no abandono da prostitución se orientan a ser man de obra barata. Lamentan tamén o estigma puta e que unha persoa xulgue a outra polo que fai co seu corpo. Consideran que ser recoñecidas como traballadoras por un sindicato lles achegaría ferramentas para defenderse e loitar polo respecto dos seus dereitos ao mesmo tempo que participar recoñecidamente da solidariedade obreira. A maiores, fan fincapé en que a patronal xa está recoñecida e que precisan do sindicalismo para protexerse ante os empresarios e denunciar as continuas vulneracións de dereitos.

Un camiño aberto

Sen soltarnos da man, abrimos un camiño que estamos explorando entre todas e todos. Imos coñecer máis de preto as diferentes perspectivas sobre a prostitución e o traballo sexual para iniciar as xornadas nas que exporemos as nosas posturas e crearemos unha común capaz de reflexar o ben colectivo.

Todas e todos formamos deste proceso que nos ilusiona pois trátase dun debate complexo, enriquecedor, que nos fai avanzar e reflexionar a todas e todos. Con independencia do punto ao que chegaremos na CUT, temos que agradecer estes pasos ás compañeiras da USTS e da IAC. A coraxe, ao igual que a risa, é contaxiosa.