Nova condena á Xunta por vulnerar o dereito á folga do 8M ás traballadoras do 061

64

A Secretaría das Mulleres da CUT critica que a Administración declarase uns servizos mínimos abusivos nun servizo constituído por mulleres, nun intento “patético” por calar a folga do 8M. A delegada da CUT, Carmen Taboada, ve un “gran logro” nesta sentenza que lle coloca unha raia vermella á Xunta que nunca máis volverá a traspasar

A Xunta de Galicia vulnerou o dereito á folga feminista do 8 de marzo ás teleoperadoras e locutoras do 061 ao establecer uns servizos mínimos do 100%, declarados “abusivos” segundo a sentenza emitida este xoves polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. Este ataque ás traballadoras, que representan a ampla maioría neste centro de traballo, foi denunciado pola Central Unitaria de Traballadoras (CUT) que tamén rexistrou a convocatoria de folga feminista de 24 horas en Galiza xunto ao Sindicato Labrego Galego e oo Sindicato Ferroviario.

Desde a Secretaría de Mulleres da CUT consideramos que “a Administración lanzou uns servizos mínimos abusivos e asoballadores nun patético intento de calar, minguar e aleccionar ás traballadoras que, desde o feminismo de clase, alzaron a voz e colocaron o seu corpo contra as violencias machistas declarándose en folga o 8 de marzo”.

O abuso de poder da Xunta evidenciouse no caso das locutoras e teleoperadoras do 061 que viron como, constituíndo as mulleres unha maioría ampla no servizo, e polo tanto cun importante poder de incidencia na folga do 8M, recibiron uns servizos mínimos do 100%. Este ataque contra as compañeiras do 061 foi un ataque contra todas as mulleres. Os ataques contra as compañeiras locutoras e teleoperadoras do 061 son unha constante que debe cesar de inmediato. O dereito básico, e bastión da clase obreira, da folga estalles sendo continuamente vulnerado como aconteceu na folga contra o traslado de San Marcos (Compostela) á Estrada onde se volveron establecer uns servizos mínimos do 100%.

Desde a sección sindical da CUT no 061 temos claro que a Xunta trata de “quitarnos o poder de facer presión” e o que coloca esta sentenza “é evidente”. “Todas as traballadoras temos o dereito de facer folga e esta sentenza por fin o recolle”, indica a delegada da CUT, Carmen Taboada. Taboada sostén que este paso é “un gran logro” para todas e que permitirá “pararlle os pés á Administración cando intente xogar cos nosos dereitos”