Resultados históricos en Citroën: CUT segunda forza entre as traballadoras e traballadores de produción

1298

A CUT, con 4 delegadas, sitúase como segunda forza en produción. O sindicato amarelo FSI revalida unha agora amarga maioría. UGT colócase con 4 delegadas, CCOO con 2 representantes e CIG con 2.

Ás 20 horas deste luns pechábanse o proceso electoral que condiciona o futuro das traballadoras e traballadores de PSA Peaugeot-Citroën, cando menos para os vindeiros catro anos. Foi o final dunha extensa e dura batalla na que a CUT tivo de fronte a un bloque empresarial e parasindical organizado que defendeu ata o último minuto o control do voto, a consigna, o favor e o medo. De lado como resulta habitual, actuando con panos quentes ou simplemente omitindo calquera conducta, ao bloque das administracións laborais, que non morden a quen serven. 

Con 610 votos, e polo tanto converténdose en sindicato máis representativo na empresa, a CUT ascendeu aos 4 representantes no Comité de Empresa.

Felizmente todas estes atrancos resultaron poucos comparadas coa dificultade que están a ter a Dirección da empresa e a súa marca branca sindical (o FSI) para dixerir uns resultados históricos: con 610 votos, e polo tanto converténdose en sindicato máis representativo na empresa, a CUT ascendeu aos 4 representantes no Comité de Empresa. Revalidan a súa, agora amarga, maioría o sindicato amarelo con 20 representantes, UGT descende a 4 membros de Comité (precisando dun representante electo por oficinas para esta ), e tanto CCOO como a CIG manteñen a representación anterior, con 3 e 2 representantes respectivamente.

Estes últimos catro anos a CUT fixo un sindicalismo de loita, confrontación e dignidade que non foi ben recibido pola empresa nin polo bloque sindical pactista. Fíxoselles complicado explicar as súas posicións fronte a outro sindicalismo posíbel que se abre camiño na empresa. Aí estivemos: denunciando os continuos abusos da empresa, os recortes coa coartada da adquisición de novos modelos de produción, convocando folgas xaora en solitario, xaora con outras centrais sindicais, en defensa do imprescindíbel.  A Sección Sindical da CUT evidenciou co seu traballo os trampantollos dos seguros de xubilación, acudiu aos xulgados para complementar a acción sindical activa e obrigou á Inspección de Traballo, a pesares do escaso compromiso desta coa garantía dos dereitos na mercantil, a actuar alí onde foi necesario. Tanto é así que foi nun terreo inóspito, o xudicial, onde a empresa sufriu un dos maiores reveses sociais, ao ser condenada por vulneración do dereito fundamental á folga deste sindicato, e obrigada ao pagamento a esta central de 50.000 € por danos e prexuízos, quebrándose a súa imaxe mediática de empresa exemplar.

Foi no terreo xudicial no que a empresa sufriu un dos maiores reveses sociais: foi condenada por vulneración do dereito fundamental á folga deste sindicato e obrigada ao pagamento de 50.000 €, como recentemente confirmou o T.S.

A colaboración parasindical-empresarial neste proceso electoral para frear á CUT foi tan permanente como inútil. Sistematicamente impuxeron a lóxica do control do voto que nos arrastrou a catro laudos arbitrais á fin de denunciar as súas manobras torticeiras propias dos procesos electorais de resultado garantido das ditaduras.

Un proceso electoral que se desenvolveu coas lóxicas tensións que provoca esta situación permanente, coa amarelaxe e os recadeiros da empresa facendo a laboura de vixía e espionaxe do voto dos traballadores e traballadoras, rematou contra o pronóstico empresarial cunha nidia vitoria das obreiras e obreiros organizados. Non avanza a CUT, senón que avanza unha idea: a das traballadoras e traballadores que xa fartas da política do medo da Dirección dan un paso adiante e poñen as condicións necesarias para, progresivamente, construír a vitoria sindical.

Isto foi unha nidia vitoria das obreiras e obreiros organizados. Non avanza a CUT, senón que avanza unha idea: a das traballadoras e traballadores que xa fartas da política do medo dan un paso adiante e poñen as condicións necesarias para, progresivamente, construír a vitoria sindical.

Grazas por tanta ilusión, tanta dignidade, tanta coraxe e tanto corazón. Grazas pola confianza masiva en revertir a “maioría na minoría”, isto é, a maioría sindical no espazo representativo no secuestrado polo parasindicalismo do FSI. Este pequeno feito non pode ser infravalorado, posto que as compañeiras e compañeiros da mercantil veñen de impoñer unha nova lóxica sindical na empresa que, polo demais, sostén á CUT como unha verdadeira alternativa sindical no noso País.