50.000 euros de ideoloxía (folga 2015 Citröen)

183

Os cartos non son neutrais, teñen a ideoloxía de quen os manexa: no seu xeito de gañalos, no xeito de gastalos, no que se fai por conseguilos… PSA ten moi clara a súa ideoloxía á hora de manexar os cartos, leva anos (coa complicidade dos sindicatos amarelos) recortando as ganancias da clase traballadora co único obxectivo de aumentar a súa marxe de beneficio. Neses recortes xogan coa nosa saúde, coa nosa dignidade e cos nosos petos.

Ante esta situación, a CUT decidiu dicir basta, tomar a palabra e inverter o discurso da derrota no inicio da vitoria, acabouse a resistencia, é hora de atacar. Foi por todo isto que o 5 de maio do ano 2015 convocamos folga. A reacción da empresa, ante unha situación que non podía controlar, foi exercer a táctica da mafia: ameazar, amedrentar e impedir o desenvolvemento dun dereito fundamental argumentando que era unha folga ilegal.

A pesares destas coaccións a folga foi para adiante, obviamente cun seguimento menor se tivera existido a liberdade de facela. A CUT, unha vez máis non ficou calada e actuou pola vía xudicial. Entón aconteceu algo co que PSA non contaba porque está acostumada a que as institucións públicas, sexan as que sexan, lle rendan tributo, desta vez perdeu. A xustiza, e xa é firme, condena a PSA  pagarlle 50.000 á CUT por vulneración do dereito de  folga, e a cada traballador que fixo a mesma 457 euros polo mesmo motivo.

Velaí temos a ideoloxía dos cartos, a PSA non lle importa ter que perder 50.000 euros a cambio de poder extorsionar e ameazar a quen traballa para que eles sexan ricos, pero si lle preocupa moito ter que pagarnos uns salarios dignos, esa é a súa ideoloxía.

A nosa é dicir que PSA acumula ganancias grazas ao noso esforzo e por iso pode permitirse gastar 50.000, ou os euros que fagan falta, en tentar manter a súa posición de poder. Para nós, eses cartos non son máis que o símbolo dunha pequena vitoria, pois o seu sistema deulles onde máis lles doe, no peto e no orgullo.

Eses cartos son pois unha vitoria simbólica que poderase converter en eficaz se somos quen de mudar a representación sindical en PSA. Estes catro anos demostran ás claras contra quen foi a empresa, e cando isto é así só ten unha lectura: aos demais téñennos comendo da man, a nós trabándolla.