CUT pide o cese das ameazas ao persoal dos centros socioculturais composteláns

204

CUT responsabiliza á Concelleira Concha Fernández da falta de xestión nos Centros Socioculturais composteláns e pide que cesen as ameazas ao persoal municipal

A CUT, central sindical de maior afiliación entre as traballadoras e traballadores municipais dos Centros Socioculturais, denuncia ameazas de decretazos e traslados de persoal como cortina de fume para agochar a incompetencia na xestión dun servizo privatizado

Nos últimos meses de lexislatura o goberno de Compostela Aberta pretendeu unha reorganización do departamento de Centros Socioculturais, agora Cívicos, que máis alá de mostrar unha mellora na xestión, amosa a clara preferencia pola privatización dun servizo que ata o de agora ofrecía á cidadanía de Compostela unha ampla e variada oferta de actividades pensadas e organizadas por e para a súa veciñanza por un equipo con ampla experiencia e coñecemento da súa labor.

No que debería ser o inicio do novo curso de actividades nos centros, atopámonos coa inexistencia dunha programación aprobada polo actual goberno a unha semana da data na que habitualmente empezaban as actividades, sen previsión de datas de preinscrición nin publicación de actividades nin información do que se vai a levar a cabo nos próximos meses. Información da que non dispoñen nin sequera os traballadores e traballadoras do departamento. Polo que, ante o atraso e a mala xestión municipal para sacar adiante o traballo, diversas asociacións decidiron non agardar e sacar adiante a súa programación para dar a posibilidade á cidadanía de participar e para axudar á conciliación familiar, xa que os centros xogan un papel primordial para as familias ao acoller e organizar multitude de actividades infantís. E a pesar de que a empresa Ferrovial ten na actualidade un contrato como xestora de servizos da Rede de Centros Socioculturais e recibe unha importante contraprestación económica o servizo que presta é deficiente e os responsables non adoptan medidas que atallen este problema.

Ante as cuestións ás que se enfronta este departamento, a responsable política do departamento, a Concelleira Concha Fernández, alude a supostas deficiencias e irregularidades do pasado dos Centros Socioculturais, sen asumir que este é o seu terceiro ano á fronte do departamento sen achegar ningunha solución aos problemas que se manifestan. Neste sentido, a Concelleira adoptou como coartada para agochar a súa incapacidade xestora unha permanente presión e atoxegamento ás traballadoras e traballadores municipais que prestan este servizo (sen ningún tipo de esforzo nin planificación municipal), intentando derivar cara estas a súa propia responsabilidade.

Esta Concelleira leva meses sen manter reunións cos traballadores e traballadoras municipais responsables dos centros, que coñecen o medio e que poderían axudar a encamiñar a situación se en tempo e forma se lles solicitase que realizasen a súa labor, ou se interesase sequera por coñecer de primeira man o proxecto de cada centro. Pero esto non sucedeu e agora a Concelleira busca culpables dentro da casa, en lugar de afrontar o problema real.

A conivencia entre a empresa e os responsables políticos para levar a cabo a privatización do servizo pasa polo illamento dos representantes públicos. As traballadoras e traballadores que durante anos desenvolveron o seu traballo ao carón da veciñanza, cunha ampla experiencia e coñecemento dos barrios e as parroquias, levan meses ameazadas con traslados e decretos de funcións, querendo evitar que este persoal se faga cargo dos incumprimentos existentes da nova empresa concesionaria, con redución de horarios de apertura, eliminación de servizos e mentiras sobre os traslados e as necesidades de persoal dos centros.

As traballadoras da sección sindical da CUT non fixeron máis que tentar colaborar e sacar adiante un departamento tocado de morte por este goberno, resignándose a ver como a Concelleira as acusa dos problemas actuais e ademais establece que o actual modelo privatizado de xestión sociocultural debe perpetuarse.

A xestión do espazo sociocultural da cidade non pasa pola privatización, xa que a democratización da cultura e o achegamento á cidadanía debería ser resultado da xestión pública, que a podería poñer ao alcance do maior número posible de persoas sen buscar réditos económicos. Este goberno debe buscar alternativas para a xestión dos centros cívicos como está buscando noutros ámbitos municipais, e a actitude de atoxegamento e ameazas ao persoal municipal por parte da Concelleira debe cesar.