E o mar abriu Vigo

192

Andan hoxe os responsábeis de “Abrir Vigo ao Mar”, ese proxecto de 1993 que levantaron entre Autoridade Portuaria, Concello, Zona Franca e Xunta, a discutir sobre quen ten a responsabilidade do desastre ocorrido onte durante “O marisquiño”; pois ben, a culpa é de todos eles, sen excepción.

No seu día acordaron a transformación da zona que vai dende Montero Ríos ata o Berbés coa intención, dicían, de abrir Vigo ao mar. Ese proxecto de apertura incluía o túnel de Beiramar, un parkíng para automóbiles (obxecto de veneración na cidade olívica), un edificio administrativo para a Xunta (que ten moi boas vistas ao mar), a transformación da estación marítima…, moito formigón e táboas sobre o mar como para poder miralo.

Este proxecto estaba na liña de moda deses anos 90 onde a construción comezaba a ser o motor da economía dos cartos doados, especulación e corrupción que hoxe coñecemos, e que tamén agocha un elemento claramente ideolóxico: aniquilar toda cultura diferente que poida ter carácter de país, é dicir, impor a cultura globalizada de “todo é Benidorm”; é claro, deses polvos estes lamazais. Naqueles anos 90 iniciouse a era da posverdade, da poshistoria, do posmodernismo, do postureo…  a era da estética hedonista por riba dos intereses do común e Vigo no podía ficar atrás: iamos ter unha zona de paseo “europea” a ren do mar para ir cos carros dos nenos, para ter un xinasio de elite na laxe onde facer abdominais mirando a posta de sol das Cíes, un MediaMark (eu non son tonto, son gilipollas) para saír coa pantalla de plasma onde mirarei mello o mar que no peirao de Vigo, e tamén unha estación marítima onde os que veñan do Morrazo ou os que vaiamos ali temos que facer un percorrido de 500 metros ao aire sobre fermosas e esbarosas táboas de madeira nunha cidade onde no inverno ten por costume chover. As institucións sempre pensando no ben común.

O proxecto iniciouno o arquitecto Guilllermo Vázquez Consuegra co único encargo de facer un parking e o ordear a praza dos soportais do Berbés (que cada quen xulgue o que fixo, eu vou calar a miña opinión) e o resto foi unha sucesión de parches e ocorrencias dos politiquillos e ben pagados arquitectos ou aparelladores, e así foi a cousa. O “paseo” de madeira ten uns responsábeis: os que encargaron o traballo e o licitaron e os que o deseñaron e fixeron. Do mesmo xeito que tamén a organización do evento de “O Marisquiño” ten uns responsábeis que deberían ter comprobado e garantido a seguridade do mesmo. Non podemos agochar esas responsabilidades falando da desgraza coma castigo divino, cada quen que aguante o seu pao.

Onte, o mar reorganizou o territorio, falou, dixo que existe, que ten vida e que cansou de aturar tanto cinismo e hipocresía: que é iso de abrir Vigo ao mar botando formigón, ferro e madeira?. O mar, nunha licenza poética, decidiu abrir Vigo e facerse ver. As administracións, todas elas, son culpábeis de arrasar Vigo para encher os petos ou acumular votos fundamentados na estética da estupidez localista de clara ideoloxía capitalista. Ao mar con eles.