O TC invalida a persecución do PP contra as persoas desempregadas maiores de 55 anos

46

O partido neofascista español chamado PP, na súa insistente defensa dos intereses do capital contra a clase traballadora, sacou o Real Decreto 5/2013 no que, entre outras medidas, obrigaba ás persoas maiores de 55 anos que pretenderan acceder ao subsidio por carencia de rendas a que a suma das rendas de todas as persoas que conforman a unidade familiar, incluída a solicitante, non superara o 75% do salario mínimo.

O devandito decreto tiña por obxectivo xeral, segundo o PP, favorecer a continuidade da vida laboral das persoas traballadoras de maior idade e promover o envellecemento activo. Na exposición de motivos sinalaba coma obxectivos: asegurar a sostibilidade do sistema de pensións, o impulso do envellecemento activo, a loita contra a discriminación por razón de idade no mercado de traballo e a racionalización das prestacións por desemprego.

Estes obxectivos, traducidos a unha linguaxe clara, pretendían que traballaramos ata morrer e non cobremos pensións. A diferenza entre unha linguaxe e a outra está en dicir a verdade ou disfrazala baixo un cinismo que provoca arroutos.

O PSOE, partido español de centro-dereita, recorreu o decreto na súa totalidade motivando o recurso de inconstitucionalidade na ausencia de urxencia para aprobar un Real Decreto (requisito imprescindíbel) e na vulneración da prohibición de afectación de dereitos regulados no Título I da Constitución. É dicir, non se mete no fondo dos contidos aberrantes do mesmo Real Decreto, se non na forma; moi do PSOE isto de ir á superficie para non tocar o fondo.

A consecuencia indirecta do recurso presentado polo PSOE foi que o TC anulou, por ausencia de urxencia, algún dos contidos. Entre estes está o referido ao inicio desta nota, o que implica que elimínase o requisito de non superar o 75% do salario mínimo na media da unidade familiar do ou da solicitante, e polo tanto calquera persoa maior de 55 anos coa prestación por desemprego esgotada, que teña traballado 6 anos, ten dereito a percibir un subsidio.

Alegrámonos de que o TC tumbara esta medida pero seguimos a insistir que o sistema capitalista está podre e sempre irá contra nós. Só temos un camiño para termos xustiza para a clase traballadora: loitar para derrubalo.