Hostal dos Reis Católicos: o eterno ERE e a aniquilación do convenio

Hostal dos Reis Católicos: o eterno ERE e a aniquilación do convenio

70

As traballadoras e traballadores do Hostal dos Reis Católicos levan xa varias concentracións de protesta diante deste emblemático centro hostaleiro do grupo Paradores para reclamar unhas condicións dignas e o respecto ao convenio propio.

En 2013, a sinatura do ERE en Madrid para toda a rede de Paradores, sen data de finalización, entre a patronal e as principais centrais sindicais, supuxo o despedimento de 13 traballadoras, a externalización dunha parte do departamento de pisos, a anulación do establecido no convenio propio do Hostal (como o cobro do 100% estando de IT ou a eliminación dos dous días de asuntos propios), e a perda de poder adquisitivo entre outros recortes.

Houbo folga e mobilizacións, e enfrontámonos nos xulgados da Audiencia Nacional contra a empresa e os sindicatos asinantes.

A día de hoxe a cousa non mudou e Paradores S.A. continúa sen querer negociar sobre un convenio que se conseguiu cun grande esforzo, e que chegou a ser un referente para o sector en todo o estado.

A dirección de Paradores quere eliminar a toda costa o convenio propio do Hostal dos Reis Católicos e pretende meternos dentro do convenio de Paradores S.A. para que todo se decida en Madrid, fulminado así a representación propia deste centro emblemático do noso país.

A CUT insiste en que hai que rescatar o roubado ás traballadoras e traballadores: é inadmisible que un hotel que ten uns beneficios económicos astronómicos manteña unhas condicións inferiores ao Convenio Provincial de Hostalería.

Continuaremos as mobilizacións para gañar esta batalla.

A loita foi e será o único camiño!