Acordo bipartito, outra vez á roda

238

A historia contemporánea española, para a clase traballadora, é un bucle constante. Dende a transición puxeron en marcha un sistema, que chaman de pacto e paz social, baseado no acordo entre goberno capitalista (sexa UCD, PSOE ou PP), patronal e sindicatos amarelos (CCOO, UGT). Cada quen cumpre o seu papel: o estado paga aos sindicatos (con subvencións, tarxetas, cargos nos consellos de administración…) e á patronal (subvencións, lexislación laboral que garanta a acumulación en mans do capital mentres as rendas do salario desaparecen…). A patronal cede no control lexislativo de determinadas cuestións menores para eles (saúde laboral, vacacións, diferentes modelos de contratación, negociación colectiva encorsetada…) e os sindicatos garanten que non haxa mobilizacións que debiliten o sistema ou cheguen a cuestionalo. O sistema funciónalles á perfección: en época de vacas gordas enchen os petos e fan concesións que permiten vivir na anestesia constante, non hai confrontación de clase; cando se achega un ciclo de descenso na acumulación do capital o estado dálle unha aperta asfixiante á clase traballadora, incluso preme aos seus sindicatos; logo volven medrar os índices do capital e soltan a corda para garantir a paz que precisan cando cheguen as seguintes medidas de asfixia, que chegan. E así todas as partes contentas. Todas? Nós non.

O goberno “socialisto” publica, neste mes de xuño, a aprobación de case 9 millóns de euros para subvencionar aos sindicatos, despois anuncia que a reforma laboral (esa que ían tombar ao chegar ao goberno) é intocábel, igual que a lei mordaza (que raro tendo un torturador no ministerio de interior non?), e uns días máis tarde a patronal asina un acordo cos amarelos de UGT e CCOO. A cadratura do círculo. A prensa “obxectiva e progre” pérdese en gabanzas a este novo goberno cargado de simboloxía solidaria e capaz de mediar para un acordo que supostamente beneficia á clase traballadora.

en época de vacas gordas enchen os petos e fan concesións que permiten vivir na anestesia constante

E chegamos nós, aos que non nos vale porque non comungamos con rodas de muíño, aos que non precisamos de cen días de goberno para saber quen é cada quen nesta película, por moita maquillaxe e lavado de imaxe que se poñan enriba. Este acordo non ten outro cualificativo que o de FRAUDE. Enganan aos traballadores falando de subidas salariais que poden chegar ao tres por cento porque falan dun fixo do 2% e un variábel do 1%. Pois ben, esta suba non é obrigatoria, é orientativa para negociar, ou hai algún decreto lei que obrigue a esa suba e nos aforre pelexar en cada xuntanza coas empresas onde chegaremos a convocar folga para alcanzar o 1% de suba? Son uns farsantes: un 2% que haberá que negociar nas mesas co medo a perder o traballo porque é barato o despedimento ou porque non te renovan o contrato precario do que non vives, e un 1% que dependerá de obxectivos, dos obxectivos de quen? Que os determina e xestiona? Paco ou Lola que cobran 600 euros ao mes? Deixan caer que imos cara salarios de 14.000 euros ano durante a vixencia deste acordo e entón é cando facemos memoria: hai dez anos, ser mileurista (en salario bruto, logo chega facenda eh!!) era ser un “pringao” nas entendedeiras da clase traballadora e resulta que agora é un privilexio a conseguir dentro de tres anos. Isto explícase porque perdemos o 15% de salario nestes anos mentres agora temos que pelexar para ese ilusorio 2%.

O primeiro obxectivo que figura no acordo fala da creación de emprego, da mellor da empregabilidade e da competitividade das empresas. É dicir, que a premisa principal é a última afirmación: o emprego e a súa calidade van depender da competitividade das empresas e as empresas para ser competitivas teñen que ser baratas, e para ser baratas a man de obra ten que ser de baixo custo (vos soa?).

un 2% que haberá que negociar nas mesas co medo a perder o traballo porque é barato o despedimento ou porque non te renovan o contrato precario do que non vives

Hai outros dous puntos que chaman poderosamente á atención. Un deles fala da subcontratación coma necesaria para os procesos produtivos. Despois defende que debemos regulalos para que non se deterioren as condicións de traballo. Isto é dicir que debemos facer memoria histórica sen ter en conta a historia (Non foi Rajoy, foi Susana Díaz quen o dixo) ou afirmar que o lobo ten que durmir no galiñeiro, pero que antes imos falar con el para que non coma as galiñas. Insultan a nosa intelixencia. O outro punto fala da formación, como non, que se repartirán entre patronal e sindicatos; e que repartirán, coñecementos? NON, repartirán millóns de euros entre eles.

En definitiva, un novo escarnio contra a clase traballadora. Estas organizacións non merecen outra cousa que a desaparición, son a parte fundamental que garante a aplicación de lexislación contra a clase traballadora mentres paralizan calquera contestación, e é así porque lles pagan para facelo.

A troika deseñou ben o traballo: o PP recorta, cumpre o seu traballo, poñemos ao PSOE para lavar a imaxe de corrupción e lexitimar a democracia e o suposto cambio, controlamos as masas que poden desviarse do proxecto “democrático” europeo e volvemos á roda, outra vez á roda.